Opinión

Agora ou nunca

A incerteza é moita. As especulacións, máis. As circunstancias, diversas. Mais nesta pausa obrigatoria e superficial do capitalismo atroz se cadra é tempo de activarnos. Parece contraditorio: fronte ao necesario discurso das rúas e das manifestacións, a soidade e o illamento poden ser espazos dende os cales construír comunidade? Para algunhas estou certa de que si. Para as que temos o privilexio de pasar a corentena polo de agora sás, sen máis presións das necesarias, sen violencia no inmediato, sen fame e sen frío, se cadra podemos facer útil o privilexio pensando en comunidade e traballando para o que virá despois.

Resístome sempre a facer lecturas lineais (mellor ou peor, positivo ou negativo) das cousas; creo firmemente que a sociedade a creamos cada día, sachando cunha visión global que, no canto de partir do noso embigo, parta das menos favorecidas.

Dubido que a pandemia sexa lección ningunha. Aprenderemos se poñemos o empeño, se exploramos as ferramentas que xa estaban aí. Ou logo non sabiamos que estabamos depredando os recursos, que estabamos máis expostas á enfermidade, que deteriorar os sistemas públicos de saúde é suicida, que deslocalizar a produción crea vulnerabilidades a costa de explotar os dereitos laborais e básicos das nosas outras? Todo iso estaba xa sobre a mesa.

Se cadra o que temos agora é un motivo para buscar as solucións, tamén presentes xa. Por poñer un exemplo, a renda básica das iguais. Unha iniciativa fondamente estudada polos movementos sociais, sólida e firme, creada sobre análises de economía e de sociedade. Non un parche, senón unha forma radicalmente diferente de concibir a vida: cobrar unha contía mínima para vivir, sen condicións, só por nacer. Habitar un mundo sen a presión de ter que gañar para comer, para vivir. Contamos cunha morea de estudos: a idea ten xa máis dun século de vida. Sabemos como aplicala (pódese consultar toda a información que a Oficina de Dereitos Sociais de Coia ten na rede, ou a plataforma estatal Baladre). Sábese dende hai moito, e o coronavirus vén confirmalo, que a xente, tendo escolla, prefire seguir traballando que ficar na casa. Só que cando a túa supervivencia non depende do salario, a vida pasa a un primeiro plano.

É hora de informarnos, é hora de construír dende xa o futuro que queremos. Temos pendentes unhas eleccións, se non poñemos agora en debate temas como a Renda Básica das Iguais, cando?

Comentarios