Opinión

A voz dos agresores

Durante moito tempo, o único que quixemos escoitar estivo enriba dun escenario. O magnífico tenor, o éxito feito señor respectable. Detrás desa imaxe de cartón tan conveniente, unha restra de mulleres impulsadas ao silencio, agredidas non só no abuso sexual máis directo, senón tamén na destrución psicolóxica, no menosprezo da súa valía profesional, na expulsión do mundo polo que traballaban. As súas carreiras, fanadas. A lousa do silencio que creamos entre todas as persoas, dubidando sempre de se as vítimas din ou non a verdade, pesada sobre elas.

Calquera que traballase con mulleres e menores que padeceron agresións sexuais sabe que o máis recorrente é que tenten falar, mais que ninguén escoite. Porque o discurso social construído na literatura, no cinema, no teatro, segue partindo da voz dos violadores, da súa “versión dos feitos”, dándolles sempre o beneficio da dúbida. Como ben argumentou literariamente Marilar Aleixandre n’A cabeza da medusa, a violación é unha agresión que se amplifica polo silencio e o estigma. Ese que crean os relatos nos que se fai do improbable (a denuncia falsa), por repetición, o verosímil. A voz dos agresores está tan presente que se nos fai invisible, construíndo unha realidade á súa medida. Por iso a esta alturas da película non hai nada máis maniqueo, ideolóxico e insensible que seguir construíndo na ficción o relato de que as vítimas menten por escuros motivos.

Será, claro, pobriños, que non son os agresores os que dirixen os teatros e as editoras, os que teñen nas mans os salarios máis altos, as empresas, os medios, os xulgados. Eles, pobriños, precisan que os defendan e que se cree un estado de opinión favorable, mentres que as que realmente quedan coa vida fanada son pintadas de mentireiras compulsivas, de intrigantas, de mangoneantas (no caso das menores con frecuencia espantosa) ou, simplemente, de tolas.

As vítimas de Plácido Domingo son moitas, e aínda así ninguén as creu. O único que merecen estes señores é o silencio. É o primeiro paso para rematar coa violencia sexual: escoitar as vítimas e deixar de amplificar os discursos dos agresores. Deixar de darlles importancia e impunidade. Borrar da historia o seu nome e subliñar que con estas cuestións non hai medias tintas nin dúbidas nin historias inventadas que vallan. Ou se usa a voz para abrazar as vítimas e apoialas na procura de xustiza ou se segue amplificando a do agresor.

Comentarios