Opinión

A vacina

Non, malia ao que a primeira vista poida parecer, non vou falar da vacina que -case- todas agardan, senón da noticia que estes días chegaba aos nosos medios para anunciar a erradicación da polio no continente africano.

A vacina da polio existe dende os anos cincuenta do século vinte: a enfermidade foi erradicada nas Américas en 1994, en 2000 no Pacífico e a China, en 2002 en Europa, en 2014 na India. Neste momento, a enfermidade persiste en dous países, Paquistán e Afganistán. Desta vacina podemos tirar leccións fundamentais sobre calquera outra que se estea a preparar. A primeira, interrogar o desigual alcance dos avances médicos. A segunda, os motivos polos que os dous países mencionados seguen en tal estado. Dende 2016, os talibáns asasinaron traballadoras da campaña da polio porque pensaban que no preparado se introduciran elementos para esterilizar a poboación. As teorías da conspiración provocan estas cousas, se ben tampouco axuda que a CIA usase campañas de vacinación falsas para localizar a Bin Laden. A falla de acceso aos avances médicos non é cuestión científica, senón política.

Mais non quero falar hoxe de cifras, senón de persoas. Seguramente só algunhas lembren xa as consecuencias da polio en Galicia, mais cando comecei a traballar coas compañeiras de Támil Nadu nos anos 90 era este aínda un país endémico. Un dos meus moitos encontros coa polio e as súas consecuencias tíveno cunha muller nun suburbio de Tiruchirapalli que levaba toda a vida sen poder saír da choupana onde vivía e que compartía coa súa mai, pobre e viúva. Unha muller adulta atada a unha cama que nunca, dende o ataque da enfermidade na infancia, puidera sentir na cara a luz do sol. As compañeiras da organización local, ademais da xestión das axudas gobernamentais procedentes por discapacidade e da conexión cos servizos sociais, de inmediato buscaron unha padiola na que a muller puidese dar unha volta polo suburbio no que vivía. Tiven a sorte de acompañalas ese día nunha lección de humanidade política inesquecible para min.

Así que, si, a noticia da erradicación da polio no continente africano é a noticia médica do ano. E todo foi grazas a unha vacina, mais mal distribuída, atrancada por intereses económicos e políticos e con moitísimas vítimas polo camiño. Moitas leccións que aprender sobre as complicacións e implicacións da saúde que, ao final, se traduce en vidas de persoas que buscan ver a luz.

Comentarios