Opinión

A resignación

Tanto dentro como fóra do país escoitamos con frecuencia a idea de que o galego é un pobo resignado. Dende o tropo estraño da morriña ata o da escaleira pasando polo "éche o que hai", este tipo de idea sempre me suscita a pregunta de sobre que pobo fala exactamente toda esa xente interna e externa. Na miña experiencia de vida e na miña visión histórica, as probas que teño son máis ben do contrario. Temos unha lingua que sobreviviu catro séculos de case inexistencia escrita, tradicións musicais e de danza ancestrais que contra todo prognóstico son quen de conquistar o presente con valores de diversidade e inclusividade moi anteriores ás celebracións do Orgullo, movementos sociais de base dende o ambiental ao sindical. Unha historia oculta, sobre todo para nós mesmas e coa que cómpre reconectar cada día.

Foi por iso que non me sorprendeu a chamada que recibín hai xa unha década. Era un momento escuro no que pecharan todos os medios escritos impresos en galego. Dende A Nosa Terra ata o Galicia Hoxe. Nada. Un ermo. O PP estaba de novo no poder e dominaba un ambiente de agresión permanente contra os valores dunha gran cantidade de persoas, novamente condenadas á escuridade. O control férreo do goberno de Feijóo da CRTVG, a afinidade da prensa escrita ás súas políticas deixaban un panorama sen referentes, sen a posibilidade dunha autoimaxe diferente, dun espazo onde crear un futuro distinto.

Foi aí, nese momento, cando recibín a chamada para formar parte do grupo promotor de Sermos Galiza. Durante un tempo traballamos para conseguir a base de persoas subscritoras precisa para poñer en pé un medio novo. Non vou negar que entre eses contactos había quen pensaba que non ía durar moito a cousa, mais que aínda así contribuíu pola crenza no traballo colectivo. E agora aquí estamos dez anos despois, cun espazo vivo que foi medrando e oxalá medre moito máis aínda. Sen grandes capitais detrás, sostido co capital de moitos petos pequenos a termar do común.

Visto este chanzo máis non podo evitar novamente a pregunta de a quen interesa a (auto)imaxe da resignación. Teño para min que interesa para desactivar e por iso é máis importante o apoio da cidadanía a aqueles medios que, coma este, poñen diante de nós un espello diferente. Non de resignación, senón de ilusión, de traballo colectivo e de palabras que nos axudan a definir de que lado da imaxe queremos habitar e crear o noso futuro.

Comentarios