Opinión

A pandemia

Calquera persoa que coma min vivise a súa mocidade entre mediados dos oitenta e finais dos noventa e/ou se dedicase nalgún momento á cooperación nacional sen dúbida cando oe a palabra pandemia seguramente só pense nunha: o VIH/SIDA. Por moito que nos países do Norte os gobernos deixasen de pór o foco no VIH e mesmo, como fixo Feijóo nada máis chegar ao poder, desmantelasen os programas de apoio (porque, entre outras cousas, incluían educación sexual, sorpresa!), no mundo segue habendo 37,9 millóns de persoas infectadas, 1,7 millóns menores de 15 anos.

Son moitas as leccións que nos ensina o VIH e penso nelas estes días. A primeira, que foi un evento que provocou un cambio de vida fundamental na poboación mundial: todas as persoas que practican sexo con penetración de calquera tipo tiveron que reformular as súas prácticas. A segunda, que a vulnerabilidade que calquera enfermidade provoca se agrava cando as persoas que a padecen xa son socialmente vulnerables. A terceira, que as farmacéuticas sempre queren tirar tallada.

Mais tamén coñezo en profundidade a outra cara da pandemia. A de miles de persoas que seguen traballando, como o meu amigo I. Ambalavanan e o seu equipo de PDI en Tamil Nadu, para que todas as persoas teñan acceso a tratamento médico e a un trato digno. De aí tamén se tiran leccións: que as verdadeiras heroínas e heroes de calquera pandemia rara vez saen nos medios de comunicación. Son as compañeiras que acompañan as mulleres trans violadas por policías para que se recuperen, agrupen, loiten; os homes que nos suburbios falan de desigualdades de xénero no íntimo; as avoas que coidan das netas porque as fillas morreron. Tamén, os estamentos médicos que traballan a reo non polo beneficio económico, senón pola humanidade máis básica. Dende as compañeiras dos puntos de probas gratuítas e confidencias que percorren as aldeas remotas de Tamil Nadu ata os médicos que nos Estados Unidos atendían, fronte a todo o estigma, con cariño e tenrura, as compañeiras trans, os homes gais, bisexuais racializades de comunidades xa de seu marxinais.

A semana pasada, o estamento médico declarou unha segunda persoa curada de VIH/SIDA no mundo. O que nunca soñamos, está a acontecer. Por iso cómpre non desfalecer. Porque nas pandemias, o que realmente se pon a proba é a nosa humanidade. E aí todas temos a capacidade de facer algo. Por exemplo, FICAR NA CASA e manter o sentido crítico.

Comentarios