Opinión

A mensaxe mutante

Tanto ten que falemos de literatura, de música, de administración de empresas, de TikTok. A nosa sociedade ten unha mensaxe clara: mellor en castelán. A mensaxe muta, mais mantense: se queres ter "éxito" (?), se queres ser "coñecida", se queres ser "relevante", tes que vivir en castelán. En inglés, a ser posible. En calquera cousa menos en galego.

Na miña experiencia contrasta moito esa mensaxe coa realidade que logo unha experimenta. A maioría das persoas que publican en castelán chegan a pouquísima xente e sen dúbida semellan ser menos relevantes en canto á relación entre a súa obra e a sociedade que a recibe. Todo queda diluído: dende os cartos ata a creatividade. Chama a atención que obras que en galego venden unha morea de exemplares (e non falo nin sequera en termos ponderados á poboación lectora) non se lean en castelán porque este mercado só se move por mercadotecnia, non por intereses lectores. Que unha obra apareza nas recomendacións da FNAC, por exemplo, custa cartos.

Ter un posto na Feria del Libro, esa de Madrid, igual. Que fagan recensións en prensa, contactos. As editoras españolas buscan a receita comercial: misterio e pouco máis. E non quere dicir que ese tipo de obras non teñan calidade, algunhas si e outras non, coma en todo. Pero o que si teño claro é que en galego, malia o craiar dos corvos de sempre, os libros (de autoras) que se publican teñen maioritariamente valor creativo. Están, ademais, acompañados dun tecido rico de bibliotecas, blogueiras, librarías, mestras e profesoras. Poderían ser máis? Deberían. Mais as que son valen o seu peso en ouro. Fan comunidade.

Se cadra o único que nos falta na literatura galega é que esta alcance a presenza social que merece e que deberían fornecer as estruturas de poder. O que si sei é que cando falo fóra das interaccións cos centros de ensino ou das redes de bibliotecas, as bocas fican abertas. Traballar man a man como colectividade unida pola promoción da lingua e uns valores que esta representa é o que ten. Poderiamos traballar mellor sen os rosmóns machistas, claro, pero eses hainos en todas partes.

A primeira medida de recuperación da lingua é darlle a volta á mensaxe mutante. Os feitos témolos, agora falla poñer nas institucións persoas con vontade política, conectadas coa sociedade, coa nosa historia, coa nosa cultura e co mundo. Porque o galego é a única mensaxe de futuro que debe mutar para permanecer.

Comentarios