Opinión

A invisibilidade

Dende hai varias décadas asistimos no campo teórico a unha constante desarticulación da invisibilidade da tradutora para reclamar dereitos laborais, para a dignificación do traballo, para unha remuneración xusta. Porén, cando a tradutora se fai visible tamén debe facerse responsable do seu traballo. Isto, que parece lóxico, convértese en conflitivo cando comprobamos, unha e outra vez, o que acontece cos textos das autoras, máis aínda se son racializadas ou non occidentais, na tradución. No meu traballo como doutora e estudosa podo dar innumerables exemplos das violencias que os tradutores patriarcais exercen sobre os textos das mulleres, dende facer falar as feministas en masculinos totalitarios ata desartellar discursos críticos co racismo con escollas de palabras totalmente alleas ao marco de referencia. Para estes tradutores a invisibilidade é unha beizón.

Seguramente por iso o uso que Amanda Gorman fixo estes días do seu poder simbólico como autora para acompañar a escolla dunhas tradutoras ou o rexeitamento doutros levanta tantas bochas. O xesto de Gorman, que solicita saber quen a vai traducir e pon como requisitos cumprir con algunha destas características: muller, nova, negra ou activista, sinala que é coñecedora das violencias que textos coma os seus sofren durante a tradución. Porén, mentres que a ninguén escandaliza que algúns autores queiran controlar as e os tradutores por simple afán de superioridade e sen ter remota idea da lingua de chegada, o xesto de Gorman causa estupor. No canto de atender ao contexto, redúcese unha estratexia transformadora ao absurdo de afirmar que unha ten que ser negra para traducir a negras ou, en linguaxe racista do tradutor de catalán rexeitado, que agora cumprirá “pintar a cara de betún” (perdón?).

Gorman non só traballa para visibilizar as violencias senón, sobre todo, para que as tradutoras que traballamos dende un marco de acción semellante ao seu teñamos (non é isto algo menor) traballo e visibilidade. Resulta vergoñento que algunhas editoras digan agora que “tiveron que repensar a súa política de traducións”. Hai moito tempo que deberan facelo. E se ben non creo que as autoras teñan autoridade sobre as traducións, si teñen polo menos a capacidade, cando de repente están no foco mediático coma Gorman, de botar luz sobre as tebras e sobre as que, aquí e en todos lugares, imos avanzando co facho na man a cara descuberta.

Comentarios