Opinión

A importancia do banal

Aínda que agora as fobias parecen desprazarse a novos medios, en particular as redes sociais e os videoxogos, eu medrei na época á que a moita xente a televisión lle parecía un andazo desculturizante e unha especie de vicio de persoas con baixo nivel intelectual. Sempre me sorprendeu este enfoque, pois a televisión e o resto de medios audiovisuais son unha fonte de contidos como calquera outra e mesmo aqueles que nos parecen pouco ilustrativos, como poden ser as eternas verbenas da Televisión de Galicia ou o Sálvame, teñen potencial para darnos certas leccións de realidade que cómpre ter ben presentes.

Mais que desbotar, a min interésame intervir. Reflexionar sobre quen ve certas cousas e por que, que contidos se transmiten. Facelo con interese, seriedade, respecto e tamén, como fai o youtuber Olaxonmario, con humor. Pero facelo. Dá para aprender de como na RTVG se crean mundos paralelos (imposición do galego?), como no Sálvame se normalizan aberracións coma os ventres de alugueiro e que na suposta escolla do Netflix hai moita hexemonía que producimos por defecto (e algunha alteración como O sabor das margaridas).

A televisión, agora levada a diversas plataformas, agocha un gran potencial transformador. Sempre digo que se se usasen as técnicas narrativas do Sálvame para falar de feminismos viviriamos nun mundo diferente. Igualmente, as series que se producen axudan a achegarnos outras realidades. Estes días vexo con curiosidade unha ficción aparentemente banal producida no Líbano. Dá para tirar de min a curiosidade para saber máis do contexto que ficcionaliza. Nunha escena, irrelevante para a trama, o protagonista, sirio no Líbano, vai a unha casa e o home que o recibe pregúntalle pola súa familia. “Os meus pais morreron”, e a conversa posterior transcorre coa normalidade máis absoluta: de morte natural ou pola guerra? Porque mentres nós, ao longo dunha vida, nos manifestamos varias veces en contra da guerra, imaxinemos a de veces que outras a viven e morren. A de veces que o noso mal se volve banal e diario precisamente por desbotar sen intervir os espazos onde se conforma un imaxinario de glorificación das invasións e do militar.

Nestes días en que a guerra peta na porta, cómpre máis que nunca atallala pola base. E si, manifestarse tamén. Pero a intervención no relato, en criticalo e intervilo marca a vida e morte das nosas outras. Algo en absoluto banal.

Comentarios