domingo 17/01/21

A gran peneira

Dende sempre teño certo escepticismo a entender o tempo como unha liña recta dividida por cada 31 de decembro. Non entendo de propósitos de aninovo nin de inicios de ciclo, mais comprendo o afán, sobre todo en anos complicados, de facer tabula rasa.

Interésame máis o momento para botar a ollada cara atrás e tentar entender que leccións nos deixan os 365 días pasados. Neste 2020 enfrontámonos individual e colectivamente a un gran desafío e non podo deixar de considerar que aquelas persoas que, coma min, non estivemos enfermas, non perdemos a ninguén, malia a soidade e a tremenda inestabilidade laboral, temos o luxo de poder reflexionar sobre o acontecido como unha lección de vida. Non porque a pandemia nos fose facer mellores, cousa que dende o principio me pareceu irrisoria, considerando tamén a miña experiencia vital de convivir con catástrofes de certa envergadura, dende a pobreza extrema ata unha tsunami. As persoas sacan de si o esencial nas circunstancias extremas. As que teñen tendencia a empatizar, tender a man, estar aí saen as primeiras. Aquelas que buscan sacar tallada, ídem.

No luxo que supón poder reflexionar dende a calma o vivido, para min é tempo de recoñecer os traballos esenciais, aqueles sen os cales a vida non ten continuidade e reclamar que as leccións aprendidas, no bo e no malo, sexan duradeiras. Por exemplo, mellorando os salarios e condicións laborais de tantas, imitando o esforzo colectivo para conseguir esta vacina no caso de tantas outras enfermidades, abandonar a visión occidental de pensar que somos invencibles e que o sabemos todo.

É momento de recoñecer a quen nos acompañou e nos fixo a vida máis doada. No meu caso, que vivo soa e estiven moito tempo illada, lonxe da vida que tiven, a aquelas persoas que estiveron no teléfono (a miña familia, Paula, Iván, Eva, Mercedes, Xosé María, Ánxela, Andrea, Montse, Manolo...) e fisicamente en canto se puido. Foi un momento de redimensionar e dicir adeus a aquelas persoas que non contribuían a nada bo na nosa vida. De mirar cara ao noso arredor e procurar crear círculos concéntricos de benestar recíproco.

Se algo é a pandemia é unha potencial gran peneira que nos axude a debullar o gran da palla, a entender que persoas e cuestións son importantes na nosa vida e cales non teñen ningún lugar nela. Nese contexto agradézovos tamén a vós a compaña cada semana, mesmo cando houbo moitas que non foron doadas.

comentarios