Opinión

A excepcionalidade

Estes días presenciamos as Olimpíadas como unha exhibición de excepcionalidade. Ese é o principio básico do deporte de competición, amosar seres humanos que son quen de facer cousas asombrosas cos seus corpos, que están dotados dunhas características que saen da norma. Celébranse os saltos elevados, a forza, a velocidade e, sobre todo, a disciplina e a dedicación. Mais o certo é que no caso das mulleres, permíteselles ser excepcionais, mais ata un punto. Poden facer o que queiran sempre e cando non aspiren a poñer en dúbida a máxima inamovible con carácter de dogma que di que os homes son superiores ás mulleres en termos absolutos en calquera aspecto físico de importancia. Unha muller pode ser excepcional, sempre e cando non supere esa barreira, que ademais se mide por un indicador tan aleatorio como absurdo: o nivel de testosterona ou mesmo uns supostos cromosomas. Cando unha muller supera un nivel determinado polas instancias deportivas, a súa excepcionalidade non é celebrada. É, simplemente, castigada.

A situación á que tivo que enfrontarse a boxeadora alxeriana Imane Khelif, rodeada de bulos, de informacións infundadas sobre cuestións que as instancias olímpicas tiveron mesmo que aclarar foi delirante. O COI non é precisamente un organismo proclive á diversidade de xénero, co cal se di que Khelif pasou todas as –aberrantes– probas polas que sexan as mulleres –os homes non– coma se fosen polos, pois é porque non hai dúbida ao respecto de que cumpre os niveis do que queira que medisen. Esta Embaixadora de Unicef que saíu da pobreza máis extrema, que se tivo que opoñer a todo para boxear, que padeceu bullying e que é un exemplo de superación dunha muller nun deporte estigmatizado e masculinizado, tivo que subirse ao ring no medio dunha polémica pola cal aínda estou agardando que se desculpen compañeiros boxeadores, adestradores e xentes en xeral que a puxeron no ollo dun perigoso furacán.

Opoñerse ás expectativas da sociedade como muller e practicar boxeo para que agora veñan dicirche que es un home debe de ser unha das cousas máis devastadoras que pode afrontar unha deportista. En toda esta controversia fede o nivel de violencia simbólica contra as mulleres, o uso das unhas contra as outras, o buscar que sigamos en posición de inferioridade, de machucarnos e excluírnos. O día que a nosa excepcionalidade sexa celebrada, teremos gañado o combate máis difícil de todos.

Comentarios