Opinión

A evolución?

Os seres humanos vimos en todo tipo de formatos e con todo tipo de aptitudes e capacidades. Isto foi o que celebramos como pingueira crítica a semana pasada no Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A ausencia de participación das persoas con discapacidade nas decisións políticas ten consecuencias devastadoras para o seu benestar e polo tanto para o benestar de todas nós. Aínda en 2020 no Estado español estamos traballando para que se erradiquen as esterilizacións forzosas de mulleres con discapacidade. Ou para que a linguaxe de signos ou a subtitulación permitan ás persoas xordas ou con dificultades auditivas participar, se así o desexan, de espazos mixtos con persoas oíntes. Aínda non chegamos a deixar de aparcar nos sitios reservados ou de estrar as motos no medio da beirarrúa (impedindo así o paso de cadeiras de rodas e desorientando a persoas cegas nos seus traxectos polas cidades). Xa non digamos deixar de insultar e considerar “parvas” (por dicilo suave) a persoas que simplemente senten ou se expresan de xeitos únicos.

Así como resulta complicado poñerse no lugar de quen ten outra cor de pel ou outra orientación sexual (a min mesma me custa traballo imaxinar a heterosexualidade, ou a monogamia) creo que para ninguén debería ser difícil imaxinar o que pode ser vivir nun corpo distinto ao que temos aquí e agora. Para empezar, porque o corpo pasa por un cambio permanente, perdemos e gañamos capacidades de moi diferentes maneiras. Algunhas que consideramos cotiás, como a vista, o oído, camiñar poden desaparecer coa idade, ou por un accidente ou enfermidade. Nese sentido, as persoas con discapacidade son guías de vida: experiméntana a través doutros sentidos e non é que sexan dependentes (termo que detesto), senón que precisan dun apoio maior das súas conxéneres, sobre todo á hora de tomar decisións políticas que as teñan no centro. 

Seica Mary Beard nalgún momento explicou que precisamente o que fixo que a humanidade avanzase como especie foi non deixar atrás aquelas persoas que precisaban máis apoio, senón forxar comunidades que propiciasen o desenvolvemento singular de cada unha. E se na prehistoria fomos capaces de non deixar atrás a quen non vía ben (eu mesma sen lentes a día de hoxe), a quen non andaba a dúas pernas, a evolución non pode significar un retroceso, senón un avance na nosa capacidade organizada para tratar con dignidade a todas as persoas.

Comentarios