Opinión

A dilución

Unha das estratexias máis utilizadas polos machismos dende que as mulleres comezamos a avanzar en dereitos na nosa sociedade é a de utilizar un falso discurso da igualdade, equiparando feitos sen atender aos contextos. A miúdo escoitamos frases como "iso esta mal, fágao un home ou unha muller" que non se refiren realmente a que hai comportamentos humanos que son condenables, cousa que ninguén dubida, senón que non cómpre atender ás condicións e estruturas sociais que fan que o mesmo comportamento realizado por unha persoa que pertence a un colectivo ou a outro teña un impacto social totalmente diferente. Hai accións negativas, incluso horribles coma o asasinato de menores, que se seguen desculpando nos homes e que resultan motivo de lapidación pública nas mulleres. As mulleres, mesmo cando somos asasinadas por homes, seguimos sendo obxecto de escrutinio, como aconteceu hai unha semana coa veciña do meu barrio en Vigo acoitelada por un home do seu edificio.

É significativo que cada vez que unha muller comete un asasinato da súa parella ou dun menor os medios e redes se enchen de afirmacións que negan a existencia da violencia de xénero como concepto. Non hai dúbida de que a dor que provoca o asasinato de alguén que queremos non é algo discutible, que calquera asasinato, en particular de menores, merece unha repulsa e toma de medidas legais inmediatas e urxentes. Cando as mulleres asasinan non hai dúbida ao respecto: o acto é condenado, a muller representada coma un ser humano que cómpre apartar da sociedade e que ademais foi en contra do que se agardaba dela (coidar).

E nestes feitos xa se demostra a relevancia do concepto da violencia de xénero porque, como vemos unha e outra vez, cando os homes asasinan (miles de mulleres ao longo dos anos só no estado español, de xeito sistemático e repetido) a repulsa non é a mesma. As consecuencias sociais e mesmo legais dos actos delituosos dos homes, independentemente da propaganda neomachista, non son nunca equivalentes aos das mulleres. No seu caso, o discurso social sempre amosa simpatía, sempre hai algunha escusa, sempre algunha xustificación. 

Así, fronte á verdade indiscutible da dor, aquelas voces que buscan facer equivalentes todas as violencias en realidade o que fan é diluír non só as circunstancias en que se asasinou unha persoa, senón as vías para que estes actos non se repitan; a única vía para diluír un mínimo a dor.

Comentarios