domingo 11/04/21

A carón de Laude

Mentres nas nosas sociedades avanzadas algunhas se aferran aos prexuízos para tentar definir quen é o “suxeito do feminismo”, noutros lugares a sociedade civil ponse en pé para esixir xustiza para as que máis na marxe se atopan. Así acontece estes días nas Filipinas, onde os movementos feministas, LGTBI e sociais máis amplos se erguen sobre o corpo de Jenniffer Laude, a muller trans prostituída asasinada en 2014 por un marine estadounidense, para evitar que sexa posto en liberdade.

Laude debe ser xa para todas moito máis ca un nome. É o símbolo da confluencia entre o capital, a militarización, o colonialismo, a transfobia e o patriarcado. Sabemos dende a teoría que todas estas cuestións están enmarañadas, mais por veces esquecemos cales son as súas consecuencias reais. Ao final da teoría están as vidas fanadas de mulleres coma Laude. Sen o acordo que outorga privilexios á presenza militar estadounidense nas Filipinas para, basicamente, facer o que lles dea a gana sen render contas; sen o conglomerado prostituidor glocal; sen a comodificación dos corpos das mulleres filipinas (tráfico de mulleres, esposas por encarga, coidadoras de baixo custe...) que parte das visións coloniais propostas dende a época española (ola Isabel Preysler!) das filipinas como “obxectos fermosos”; sen a reificación de que muller é só aquela que ten vaxina, Laude estaría probablemente viva e, de non ser así, non se consideraría deixar solto o seu asasino sen cumprir condena completa.

E pode semellar que as Filipinas fican lonxe, mais estamos unidas a elas por un cento de responsabilidades que non queremos asumir e que se manifestan en comodidades, comentarios e ideas do día a día. Mais tamén, pola solidariedade de sermos quen de dicir “nakikiisa sa inyo” ás compañeiras que sachan, que non calaron, que tiraron cando ninguén aparentemente ía facer nada por buscar xustiza para Laude. A elas impórtalles. A nós ten que importarnos.

Por iso esta semana, cando os movementos feministas e sociais das Filipinas claman, despois do seu éxito relativo nun xuízo complicado, para que o asasino non sexa liberado sen cumprir a pena total e se mobilizan, malia as restricións da Covid-19, nas redes e fóra, é tempo de escoitarmos a unírmonos á forza da súa mensaxe: nunca nada se conseguiu sen unión e determinación. Nunca nada se conseguiu sen poñerse a carón de mulleres como Laude. Ese é o noso papel máis importante.

comentarios