domingo 11/04/21

A cara B

Non deixan de ser interesantes os conflitos que a vacina contra a Covid-19 puxo sobre a mesa os últimos días. Semella que a pandemia ten a capacidade de facer visibles as cousas opacas, coma se fose un esconxuro. Porén, ademais desa “cara A” do disco do lucro por enriba das persoas, aínda son moitas máis as cuestións que fican na “cara B”.

Ao redor dos debates entre a Unión Europea e as farmacéuticas descubrimos os intereses creados, a falta de información pública (por que aparecen ocultos na documentación os custos se quen paga é a cidadanía?) e a presión que o acceso aos recursos médicos provoca nuns países fronte a outros. Tamén, os perigos da fabricación lonxe de onde se consome, algo que levamos defendendo dende os feminismos, o ecoloxismo e os movementos anticapitalistas dende hai décadas.

Agora ben, mesmo nese marco seguimos esquecendo o principal: que na cara B de todo este debate está a maioría da poboación mundial. Non é nos nosos países onde vai haber un desabastecemento de vacinas, vai ser noutros onde estas nin cheguen sequera. E así crearase unha panca enorme para producir novas fendas entre países ricos e pobres, esquecendo, como indicaba a poeta xudía Emma Lazarus que “non estaremos libres [de pandemia] ata que todo o mundo estea libre”.

No canto de sentar e observar xirar o disco, é este o momento de mobilizarse. Sen ir máis lonxe, apoiando a iniciativa cidadá que acaba de lanzarse ante a Comisión Europea chamada “Right to cure” e que precisa un millón de sinaturas en toda a Unión para ser admitida. As iniciativas europeas son o xeito en que a cidadanía pode obrigar a Comisión a actuar sobre temas concretos. Neste caso, a proposta é sinxela: evitar que o dereito da propiedade intelectual impida a accesibilidade á vacina e/ou tratamento da Covid; obrigar a que quen reciba fondos da UE comparta os seus coñecementos de tecnoloxía sanitaria ou datos e, finalmente, instaurar a obriga xurídica a quen reciba fondos da UE de actuar con transparencia en canto aos cartos, costes de produción e condicións de accesibilidade. Este paso pode ser fundamental para garantir o acceso ás persoas dos países máis desfavorecidos, establecendo un precedente que permita poñer as persoas por riba dos beneficios neste momento de perentoria necesidade humana. Escoitariamos así a primeira pista dun novo álbum no que a vida e os dereitos da maioría estean por enriba do lucro duns poucos.

[Enlace á iniciativa, que se pode asinar en liña: https://eci.ec.europa.eu/015/public/#/screen/home]

comentarios