Opinión

A calma

Foi este un 8-M atípico, iso non o vai negar ninguén. Mais atípico non quere dicir inútil ou irrelevante. Ben ao contrario. Para min foi un día de conexión, de asistir a webinarios e de achegarme a libros con calma. Porque ás veces esquecemos que a revolución feminista só pode darse dende a calma. E non uso este termo para falar dun certo acomodo, dunhas formas amables para agradar no típico ideal de muller, refírome a algo máis básico: aos tempos e ao espazo mental, algo tan complicado para as mulleres e disidentes.

O 8-M tiven a oportunidade emocionante, despois de citala centos de veces e de estudar as traducións ao castelán de “Under Western Eyes”, de asistir a unha conferencia de Chandra Talpade Mohanty. Foron moitas as cousas interesantes que compartiu, mais unha sei que vai quedar no meu arquivo de momentos que fan reflexionar: “para amosar o desacordo co estatus quo, precisamos tempo”. Referíase ela ao seu odio polos soundbites, polos entrecomillados, polas declaracións rápidas que tanto nos parecen invadir. É certo que todo é necesario, tamén os chíos, tiktoks e vídeos curtos para redes sociais, mais esquecemos ás veces que a revolución necesita diálogos prolongados, implicacións ao longo do tempo, reflexións que vaian alén da superficie. Precisamos esa calma de sentar un día enteiro escoitar, ler, estar. O luxo do tempo que tan poucas veces temos nun contexto de precarización laboral enorme e de sobrecarga de tarefas inxente. As présas moitas veces non nos permiten a reflexión e aí a sociedade enteira ten un problema.

Non hai mellor exemplo de todo isto ca o 8-M nos medios. De repente recibe unha chamadas saídas da nada de xornalistas que na vida se interesaron por ningunha cousa que unha fixo para que deas “unha declaración sobre o 8-M”. Que a ninguén lle sorprenda que saiamos cabreadas. Ou, como denunciaba o colectivo As Xornalistas, non se pode botar o 8-M dando datos e logo publicar titulares sexistas (como fixo o Faro de Vigo o propio día asignando a vitoria de Ana Peleteiro ao seu adestrador, que ocupaba máis espazo na noticia ca ela mesma, nun clásico noxento que podía ir desaparecendo dunha vez). Se como sociedade queremos avanzar, precisamos tempo para reflexionar e actuar todos os días, empezando polos medios.

Porque ás veces, o máis subversivo que podemos facer é reclamar a calma. Todas as cousas importantes a precisan: o coidado, os afectos e as revolucións.

Comentarios