Opinión

A anécdota

Se hai algo no que creo firmemente e que procuro practicar é en que as oportunidades para as mulleres temos que crealas as propias mulleres. Foi así que, hai un par de anos, nunha conversa con Iria Pinheiro, reparamos na idea que ela xa tiña de traballar teatralmente a figura de Emilia Docet. Para min o nome non era descoñecido, a anécdota do seu paso polo certame de Misses permitiu que a súa memoria perdurase con bastante documentación.

Porén, no proceso de escrita do texto que está na base de Miss Docet, a obra que agora, ademais de crear, interpreta Pinheiro coa dirección de Vanesa Sotelo e as pezas sonoras de Mónica de Nut, a min interesábame máis interrogar o silencio que se agocha detrás dos focos. Interrogar en man de quen está a memoria das mulleres, a miúdo só pendurada por alfinetes dos nomes dos homes que, moitas veces reafirmados polos lazos que o patriarcado sanciona á familia, acaban feitas efixies sen contido (e isto deberiámolo ter aprendido con Rosalía de Castro e co que dela fixo o seu home). Adornos. Anécdotas.

Como antídoto á anécdota, porfío sempre en buscar as redes e conexións entre as mulleres que tentamos recuperar da nosa historia como exemplo e inspiración. Gústame meter a palabra nas súas complexidades e crear un tecido rico e polifónico, tal cal é este esforzo teatral conxunto que constitúe Miss Docet.

Foi por iso que en ningún momento do proceso de creación da peza, a familia de Emilia Docet, que sabiamos que a tiña, tivo para min relevancia á hora de interpretar a súa figura. Docet traballou nun espazo público para logo verse reducida ao privado, algo que me interesaba só como expresión da violencia franquista, do fanar da vida de mulleres brillantes.

Porén, a presenza discreta e emotiva na estrea de Miss Docet do seu fillo Francisco Novoa Docet e da súa neta Reyes foi unha constatación de que o traballo de recuperación da memoria das mulleres é tamén un acto de devolverlles ás familias, se estas o quixeren, outros anacos daquelas que coñeceron nunha intimidade inaccesible para o resto. Para que, ao final, a anécdota acabe compoñendo unha complexa colaxe que enriqueza o recordo persoal, mais tamén o colectivo, de mulleres coma Emilia Docet. Que faga ver que a sociedade civil, empezando polo Concello de Vigo neste caso, ten unha débeda irreparable con todo o que foron e todo o que sacrificaron para crear os dereitos polos que seguimos traballando.

Comentarios