Opinión

Viva o pedestal!

Toda intervención pública, todo libro, por tanto, ou artigo ou calquer outra modalidade de intervención publicada, é susceptíbel, por esta súa natureza, de ser avaliada, criticada ou comentada. A tal efeito, quen o fixer, en mínima correspondencia, debe identificarse tal e como fai o autor ou autora do publicado. Vén isto a conto do nulo valor que lles concedo a todas aquelas opinións, valoracións ou deostos que se refuxian na anonimia ou na pseudonimia. Teñen cero consideración, pois, dito de xeito vulgar, non dan a cara, refúxianse no seu esconderixo cobarde para, tantas veces, insultar sen máis ou atacar sen diálogo-debate posíbel. A desigualdade é clamorosa: quen escrebe revélase como quen é e responsabilízase do escrito; quen comenta, inxuria, difama, mente, aldraxa... en modo “barra libre”. E a viver, que son dous días... Comentarios desta índole tiven ocasión de ler motivados por colaboracións miñas neste dixital ou doutros meios. Moita dose de paciencia cómpre chamar en axuda de unha para aturar paternalistas avisos de non se sabe que desviacionismos; verse chamada indulxentemente “Pilarinha” por non se sabe quen; ler reproches que un simples coñecemento do que unha servidora leva escrito, defendido (e padecido) desmenten de raíz... Vaia por Deus e polas ánimas, que diría unha tía miña finada.

O caso que paso a comentar non pertence a este subxénero odiento. Escrebe co seu nome e apelidos, nesta ocasión a propósito dun cuestionario enviado por este meio e que respondín no seu día, tendo a lingua de noso como asunto central. Isabel Rei Samartim  -a quen agradezo que se manifeste como tal na súa identidade-  ten a ben escreber sobre o que honestamente penso da situación actual da lingua galega: “Pilar chora agora o que não soube defender como filóloga... Báguas de Boabdila”. Vaime permitir, por unha vez, que me converta en comentarista da idem. Digo eu: de que me coñece?; cantos libros meus leu?; a cantas palestras asistiu?; cantos artigos, conferencias, relatorios... en directo portugués?; quen e que a autoriza para semellante domesticidade ofensiva?; que lle parecería que eu, alegremente, cuestionase o seu labor docente ou artístico, sen ter tido a oportunidade de vela ou ouvila?

Digo eu: de que me coñece?; cantos libros meus leu?; a cantas palestras asistiu?; cantos artigos, conferencias, relatorios... en directo portugués?

 

Somos donas das palabras e servas do seu contido. O das bágoas de Boabdila non deixa de ter graza: reveladora a analoxía dunha recordación españolista-machista a partes iguais. Vaia por Deus! Eu pensei que as defensoras-practicantes do galego tiñamos unha instalación mental e un alimento de referencias máis próximas e significativas a nós. De por parte, non deixa de me sorprender a zunia con que desde o pedestal da bondade ortográfica indiscutíbel se pontifica-ataca todo o que non comunga cos seus presupostos. Un algo de mínima ductilidade non viría mal, téndomos en conta o estado abertamente crítico que a lingua galega vive, mais xa se ve que abondan os que practican o deporte de repeleren quen a defende, practica e non se aponta mesmamente a proscricións gráficas.

Viva, pois, o pedestal pontificador e exterminador! Aclárolle, iso si, á autora que servidora nunca foi un Boabdil con reino que perder, porque nunca tal tivo. Máis ben fun marxinada ou expulsa do “reino” real que determina a represión e o control ferreño do galego admitido. Procure, para outra vez, analoxías máis realistas.

Comentarios