Opinión

Vellos tempos

O conto foi así. Nunha recente conferencia telemática sobre a narrativa de Castelao, amosei as portadas e algunhas páxinas do interior das edicións que conservo dos meus tempos de estudante universitaria, no primeiro quinquenio dos anos 70, ao igual que sempre levaba estes volumes ás miñas aulas, pois se asemellan máis ás orixinais do grande artista e escritor do que as edicións actuais. Nunha delas, Retrincos, en concreto, achei un papel que viña ser unha necrolóxica. O “defunto” era o CAP (Curso de Aptitude Pedagóxica), do que se di que “Morreu no presente curso amparado pola Consellaría de Educación e o proceso de Boloña. D.E.P.”. E aínda: “Os Comités, xunto cos alumnos alporizados, os mestres frustrados, os opositores constantes, os eternos interinos e os innumerábeis filólogos caixeiros de Gadis e Carrefour rogamos unha oración pola súa memoria”. “Funeraria: Pompas Boloña”. Os Comités de Facultade –neste caso, da de Filoloxía da Universidade da Coruña– convocaban un paro-“velorio” por tal defunción. O compañeiro e amigo Xosé Manuel Carril confirmoume que o derradeiro curso en que se impartiu o de aptitude pedagóxica foi o 2008-2009. No seguinte xa comezaron os mestrados decorrentes da implantación das normas de adaptación ao EEES (Espazo Europeo de Educación Superior) e, con elas, todas as mudanzas que esta integración implicou. 

Axiña se fixeron notar as súas consecuencias: redución de cursos, exames de suspensos no mes de Xullo, inicio do período lectivo no mes de Setembro... e a principal, tantas veces oculta: a adaptación do ensino universitario ás necesidades do mercado laboral, mellor dito, do capital que o goberna. O ensino das humanidades, neste contexto, é sobrante ou marxinal. A igualación superestrutural, un desastre para a autonomía e distintividade das universidades galegas. O convite a emigrar, en marcha. O palabreado pseudopedagóxico, á alza: nas guías docentes, só faltaba indicarmos que tiñamos que conseguir a felicidade do noso alumnado  (non é brincadeira: cumpría impartir e promover “valores” humanistas, democráticos, ecoloxistas, feministas e solidarios (con quen, con que?). Teño toda a impresión de que, daquela, nen profesores nen estudantes nos mobilizamos adecuadamente (e a tempo: o inicio do chamado plan Boloña xa procedía do fin do século anterior) para encarar coa necesaria independencia de criterio a eficaz e persistente propaganda europeísta, que actuaba a xeito de imán irresistíbel, coa anuencia entusiástica, por suposto, das autoridades educativas galegas e españolas. Do estado actual de coñecementos e de expectativas laborais, mellor que fale quen continúa en activo. O que eu recordo non é alentador. Multiplicación da burocracia sen sentido (informes e máis informes sen a menor aplicación docente ulterior), tempos moito máis comprimidos, destrezas básicas esquecidas ou ausentes... Lembro, nas aulas de 3º curso, propor ás alumnas e alumnos, a resposta –anónima e sen o menor efeito represivo, claro está– verbo de cuestións como a extensión e a povoación (aproximadas) da Galiza; nome de cinco ríos e de cinco rías; de cinco montes; dos autores da letra e da música do Himno Galego; do título dun dos libros de Follas novas; de dúas datas significativas da historia da Galiza... O resultado..., para non nos deprimir, levámolo con humor e, iso si, co propósito de emenda.

Os vellos tempos son tempos vellos?

Comentarios