domingo 05.04.2020

Uxío Novoneyra

Hai dous días, o 19 pasado, Uxío Novoneyra faría noventa anos. Despedímolo deste noso mundo en 1999, mais continúa vivo na nosa recordación, no noso corazón e nas nosas releituras. Hai tópicos que son certos, e este é un deles: en séndomos seres históricos, seres culturais, existe  ‑e grazas a ela nos mantemos‑  unha vida da memoria. A miña relembra con todo o afecto e con todo o recoñecemento a súa persoa e a súa obra, ambas dondas e rotundas como o carballo (e non é contraditorio). Coincidín con el en moitos actos e actividades, na Galiza e en encontros literarios Galeusca. Distinguiume coa súa amizade e o seu cariño e eu procurei retribuírllo en vida, como merecía. Conservo, en retallo de prensa, aquel seu poema titulado “Patria Galega”, publicado no 25 de Xullo de 1976: É xa hora de que señas Terra a patria dos teus / dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus / e señas dona de ti e señora de falar / señora de decidir e dona de se negar. Que perfeita síntese para o noso presente!

En 2010, por petición do editor Henrique Alvarellos e da profesora da UDC Olivia Rodríguez, tiven a honra de introducir o volume Gran Lugo de nebra. Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999. Nela sostiña a tese de a poesía de Uxío ser unha esencia contra o ruído, na súa acepción semiótica; o “silencio” antónimo non sería, pois, afasia, agrafía ou mutismo, senón palabra concentrada, introspección, purificación previa antes de callar a palabra poética. Citaba a este teor o poema derradeiro do I Libro de Follas Novas, “Vaguedás”, de Rosalía de Castro, titulado mesmamente “¡Silencio!”. Cal non sería a miña sorpresa cando, mercé á información facilitada por Victorino Pérez Prieto, souben que o tal poema rosaliano, manuscrito por Uxío, figuraba entre os seus papeis e acompañouno como talismán tantos anos. Uníao eu ao final do poema “Augas brancas da Rogueira!” da súa autoría: Non hai outro templo máis vasto / nin outro credo / que este silencio. De certo, a súa poesía, como toda a  boa arte poética, é un antídoto contra o ruído, e, para nós, unha fortaleza de amparo da lingua de noso, de defensa face á invasión da allea. Esta foi unha constante de toda a súa traxectoria, de todas as súas intervencións públicas, como revela aquela súa proclama no lonxincuo 1976: “Un poeta libre é un poeta útil”.

Facendo certo o principio clásico de que todas as artes son amigas, gostaba de enlazar poemas con debuxos, caligramas ou ilustracións, da súa man ou de mans amigas. Perto da mesa onde traballo, na miña morada, “visítame” un gravado que el me deu. O deseño, “O paxaro marteirado”, é de Reimundo Patiño e está datado na Coruña en 1974. Velaí as palabras de Uxío, de 1989: Tódolos pobos volven / Volven os pobos. Que magnífica sentenza para este noso mundo de hoxe, onde se nos quer desnacionalizar (aínda máis) a marchas forzadas, onde todo vale para fuxirmos da nosa condición de galegas e galegos! As palabras de Novoneyra devólvennos ao noso ser (Costa soster / repetir decote / a teima de ser) e, con el, á necesidade de loitar por un futuro que o manteña. Saúde e longa vida á súa obra!

Uxío Novoneyra
comentarios