Opinión

A Unión Europea adianta a hora

Na madrugada do pasado 29, a Unión Europea procedeu a adiantar a hora, por no hacer mudanza en su costumbre, como reza o hendecasílabo de Garcilaso de la Vega. Non sei que supostos beneficios conleva a tal mudanza, que xa se aplica desde hai décadas, mais recoñezo que é unha medida concreta, automática e de aplicación xeral, no plano executivo (outra cousa é o submetida que está a debate no seu proprio seo). Lémbrame unha anécdota de hai moitos anos. No meu tempo parlamentar, eran moi vivos e continuos os debates na Comisión de Control da CRTVG, tanto no atinente a información canto a programas e á necesidade de fortalecer a produción propria da Compañía. Unha denuncia recorrente tiña a ver coa utilización progobernamental e coa españolización rampante, en contravención clara da lexislación fundacional en virtude da cal as dúas sociedades públicas de comunicación existían. Nun daqueles debates, o responsábel de turno da Compañía negou, como sempre, as miñas críticas. Eu, cansa xa de as explicar, admitín que lle tiña que dar a razón: a TVG, efectivamente, era veraz, obxectiva e ecuánime en dúas informacións: a do tempo e mais a dos números da lotaría. Aí non había mentira, ocultación ou manipulación. Todo ben.

De xeito análogo, a UE funciona con total eficacia na mudanza de hora primaveral. No resto? Ben, grazas, coma sempre: cada quen ao seu, mellor dito, os mandaríns a se protexeren a si proprios como debe ser, e os demais a falaren de “solidariedade” e mutualización de riscos e créditos. Como a situación actual non ten nada de peremptorio nen de grave, convocaranse de novo dentro de dúas semanas, porque na reunión da quinta pasada non chegaron a acordo nengún. Que recital de eficacia, de dilixencia e de bon facer! A actuación, para ser completa, ha de incorporar novidades enfáticas. O primeiro ministro portugués alcuma de repugnante o discurso do homólogo holandés e, aínda, contrario á Unión Europea. Contrario? Máis ben, perfeitamente coherente coa función política e a actuación desta superestrutura ofegante e inútil. Nós, galegas e galegos, acaso seremos tan desmemoriados para termos esquecido a xestión da crise do Prestige? E, antes e despois desta catástrofe de 2002, o que se pasou coa nosa agricultura, pesca, gandaría, construción naval...? Informámonos agora por ventura do “egoísmo” (vocabulario deles, non meu) dos Estados poderosos do seu elenco de membros? Houbo acaso algún conato de resposta común e “solidaria” na crise de 2008 ou na masiva chegada de refuxiados de 2015? En Agosto de 2011, a submisión do goberno español do PSOE, coa inmediata anuencia do PP, para, ás présas, modificaren a Constitución e submetérense á severa contracción do gasto público, seica non foi decisiva na malfadada deriva posterior?

E, máis unha vez, en ostinato inclemente, a repetición de que a crise actual non coñece de “fronteiras”. Madia leva se as ten e de que fortaleza! Estaban ergueitas moito antes de ela sobrevir con toda a súa virulencia, nunca mellor dito: teito de gasto, recursos públicos minguados, centralización, entrega ás grandes corporacións bancarias... Isto é a UE. Iso si, temos unha hora menos de confinamento.

Comentarios