Opinión

Unha fotografía

A cuarta feira pasada asistín, na Coruña, á inauguración da exposición "O poder da palabra" que conmemora 40 anos (1981-2021) do Parlamento galego. Vaia por diante que considero moi necesario documentar ao máximo a nosa historia contemporánea, tan precisada de coñecemento e divulgación e, por isto, plausíbeis todas as iniciativas –institucionais ou non– que contribúan a esa finalidade, máis aínda se están dotadas, como é o caso, dunha boa organización técnica en paineis e acompañamento audiovisual. O presidente de Afundación (anfitrioa e hóspede do acto), Miguel Ángel Escotet, agasallounos cunha intervención en español. Lóxico. Despois de obter Abanca a prezo de saldo-liquidación as caixas depositarias do maior caudal de aforro galego; após, nun ano, decuplicar beneficios, para que molestarse en proferir un discurso no idioma da sucursal colonial, por moito que, na teoría teórica e inxenua, se o diñeiro público galego vale para mesmo pagar caixeiros suprimidos, puidera pensarse que, igualmente, valerá o idioma galego. Mais non, para que? A intervención central foi a do comisario da exposición, o historiador Ramón Villares. Ao seu cometido e á súa responsabilidade como tal me vou referir nestas liñas. Hai ausencias rechamantes. Antes de as nomear, comentarei que botei en falta feitos relevantes, como a constitución en 1994 da Comisión para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres, pioneira nas cámaras lexislativas españolas da altura, ou a existencia de litixios competenciais Xunta-Estado, vg. o recurso contra a Lei de Normalización Lingüística interposto polo primeiro goberno español PSOE. No nível "frívolo", se contemplamos, por enésima vez, Emma Bermello (1981) que toma posesión ataviada co traxe tradicional galego, non entendemos a ausencia da foto do "zapatazo" de Beiras, que deu a volta por moitos lugares do mundo mundial.

Ora ben, todo o que acabo de apontar é discutíbel, no sentido de opinábel. O que é inadmisíbel é que a ilícita e golpista privación de dereitos parlamentares do BN-PG/PSG se liquide cunha fotografía cuxo pé reza: "1982. Expulsión dos deputados do BN-PG (Foto Xan Carballa/Fundación A Nosa Terra)". Quen son os fotografados? Non se sabe. Non constan. Algúns si o sabemos: son, de esquerda a dereita, Claudio López Garrido, Lois Diéguez, Bautista Álvarez, X. M. Beiras, sendo os tres primeiros os desposuídos da súa deputación, pola fabricación ad hoc dun regulamento, após un ano de lexislatura, inexistente cando, en  1981, tomaran pose dos seus escanos. A foto é ante Fonseca, sede entón do Parlamento, coa faixa de protesta que portan. Foron acaso "expulsados" por algún delito flagrante?, perguntarase alguén. Non cumpriron os requisitos para ser nomeados deputados? Nada diso. Foron golpistamente despoxados dos seus escanos, porque se trataba, para o rexime AP-UCD-PSOE, de eliminar de raíz a voz e a presenza do nacionalismo galego na Cámara. Rosón intentou até o último momento parar a ignominia. Xerardo Estévez ausentouse, por vergoña, da votación. Sentín indignación e pena a partes iguais: Bautista Álvarez, finado en 2017, xa non se poderá defender ou explicar. Fíxoo en artigos, libros, vídeos..., para alén do Diario de Sesións. Todo isto, documentación pública ao alcance de calquer, historiadores incluídos. 

Villares cualificou de "tatexante" o comezo da autonomía, logo asentada debidamente. Non, non foi tal. Foi excluente: tres anos de lexislatura furtados para o BN-PG/PSG. O voto de 61.870 galegas-os, eliminado e confiscado. Exemplar.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios