Opinión

Ulo, o poder galego?

Hai cen anos, uns nosos antepasados definiron todo un abano de “Facultades do Poder Galego” con competencias en administración, xustiza, ensino, obras públicas, agricultura, industria, comercio e facenda. Foi en Novembro de 1918, no “Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo”  dirixido ao povo galego, asemblea á que asistiron representantes de todas as Irmandades da Fala (fundadas dous anos antes), de sociedades agrarias, centros culturais, varios concellos, e personalidades tan relevantes na e para a historia posterior da Galiza como Lousada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Castelao, Antón e Ramón Vilar Ponte, Peña Novo, Ánxel Casal, Víctor Casas ou Blanco Torres... Aquelas facultades incluían, por exemplo, todas as funcións administrativas, o rexime tributario, a potestade docente, o rexime bancario, a nacionalización dos ferrocarrís... Declarábase a substantividade do Dereito foral galego ou a publicación das leis no idioma galego. Nos “Aspectos artísticos”, proclamábase a “soberanía estética da Nazón Galega” que se había exercer sobre as construcións urbanas e rurais, na expropriación de monumentos e paisaxes e na organización do ensino artístico, con creación dunha escola musical galega.

Poder Galego. Hoxe, nós, galegas e galegos, dependemos no día a día de lexislacións, normativas e actuacións do Estado español, da Xunta, de Deputacións e Concellos, de directivas-fundos da Unión Europea. O territorio galego actual non chega aos trinta mil quilómetros cuadrados. A povoación non acada os tres millóns de habitantes. É lóxica semellante faramalla de dependencia administrativo-político-burocrática? Ten sentido que un centro de ensino dependa de directrices estatais e, asemade, da Xunta e mais do concello correspondente? Que unhas obras viarias se interrompan no lugar onde o aberrante artificio da división provincial impón o término da responsabilidade da Deputación de turno? Hai máis de 40 anos (lembro a explicación reiterada de Bautista Álvarez, absolutamente premonitoria), o nacionalismo nacional-popular advertía, ante o dispositivo constitucional-estatutario que se estaba a xestar, do non-goberno derivábel do bi-goberno, isto é, da utilización malévola, nun xogo de pingue-pongue perverso, de un e de outro (o estatal e o autonómico) para esquivar responsabilidades, fomentar ataques mutuos... e a casa por varrer, isto é, os problemas por resolver. Imaxe elocuente, a por de deplorábel: a ría do Burgo, a oito km. da Coruña. Após múltiplas xestións realizadas polo BNG nos Parlamentos autonómico, estatal e europeo, despois da visita de membros deste último preparada pola eurodeputada Ana Miranda, despois de que se lograsen fundos europeos para proceder a unha limpeza da ría cuxa demora debera avergoñar a calquer gobernante digno do seu cargo, continúa a lida de competencias entre o Estado e a Xunta, a obra sen se licitar e a porcaría a reinar e a arruinar pesca, marisqueo, recursos, e vida, en definitiva.

Ulo, o poder galego? Nas caixas de aforro que saldaron? Nas multinacionais que cotizan fiscalmente fóra do Estado? Nas empresas con sede fiscal en Madrid?

Comentarios