xoves 09.04.2020

Trinta anos

Tal día como mañá, 25 de Marzo, de hai trinta anos, falecía en Santiago de Compostela Ricardo Carvalho Calero. Neste seu cabodano, a Mesa pola Normalización Lingüística e mais a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura tiñamos pensado lembralo cunha oferenda floral na súa tumba, no cemiterio de Boisaca, e homenaxear a súa persoa e obra cunha actuación da coral compostelana Solfa, perante o que fora o seu domicilio en Santiago, na Carreira do Conde, moi perto de onde se instalou o busto que o recorda, en 2010, no centenario do seu nacemento. Por todas as circunstancias que estamos a viver, faise forzoso adiar estes actos, que esperamos, porén, celebrar noutra data do ano presente.

Trinta anos sen el, fisicamente, son tamén trinta anos con el, na súa compaña. Non só a da memoria, a dos recordos, senón a que nos oferece unha obra tan extensa como valiosa, tan instrutiva e chea de exemplos e de vixencia. Entre os moitos textos del que poderíamos recomendar e a cuxa leitura sempre convidamos, imos reparar hoxe nun deles, o que se corresponde co discurso que proferiu na Universidade compostelana, no 27 de Xuño de 1986, na recordación dos cincuenta anos do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, votado, como é ben sabido, no 28 de Xuño de 1936. Foi Carvalho coprotagonista, e aínda artífice primeiro, dos antecedentes daquel texto legal, que só a teimosía e o empeño de Castelao logrou resgatar para lle dar carta legal nas Cortes da República, celebradas en Monserrat, en 1938. Contra todos os boicotes e contra todos os impedimentos políticos. Carvalho fora tamén o seu propagandista até o último momento, na Casa da Radio de Lugo, antes de partir para Madrid, nos derradeiros días daquel mes de Xuño, con fin de concorrer aos exames conducentes a obter unha praza no ensino público.

Nese discurso que mencionamos, Carvalho define como “correntes paralelas e independentes” as que confluíron para aseguraren o bon suceso daquela votación: dun lado, o nacionalismo galego; dun outro, o republicanismo de esquerdas. Uns e outros parecían loitar, engade, conxuntamente pola República Federal, no albor da mudanza de rexime. Era o ano 1931, cando os xuristas Carvalho e Lois Tobío redixen o primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía, promovido polo benemérito Seminario de Estudos Galegos, aquel que rezaba no seu primeiro artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. A próxima futura Constitución da República impediu tal definición, claro está. A República non foi federal nen federábel e o Estatuto futuro houbo de se adaptar á forza a aquela Constitución. Un Estatuto, con todo, o de 1936, que estabelecía, por exemplo, que os funcionarios operantes na Galiza habían de coñecer o idioma galego. Altos funcionarios actuais dependentes da Xunta, que o son en virtude do Estatuto actual, ignoran a cada paso semellante prescrición legal de hai 84 anos. Sitúanse, pola vía dos feitos, na legalidade anterior á 2ª República. Que edificante! Que eficaz autonomía! E quen lembra hoxe que os asalariados da Xunta o son grazas a aquel afán de Castelao?

Trinta anos
comentarios