mércores 14/04/21

A trapisonda española

Primeiro, tratábase de botar o rei anterior da Zarzuela, para non contaminar o actual, seu fillo. Podían telo trasladado a Móstoles, Getafe, Pozuelo de Alarcón... Digo eu, por diminuír gastos. Despois, cumpría que saíse de España, na mellor continuidade tradicionalista da familia: así fixeron Carlos IV, Fernando VII, a rexente María Cristina, Isabel II, Alfonso XIII... Agora, o seu descendente, en paradoiro descoñecido. Que familia máis desaprensiva: non atender debidamente o membro de máis idade! Aos 82 anos, dando voltas polo mundo, en voo perpetuo ou nos antípodas... Como é que non o acompañan a familia toda e mais  banqueiros, empresarios e demais cúmplices? E, afinal, véndennos (o presidente do goberno español dixit) que cómpre separar institucións de persoas, e o mesmo interfecto xustifica a súa partida invocando a súa vida privada (paga por todos nós). Realmente, a telenovela barata deste verán fai que brille a maior altura o sainete máis charramangueiro que se lle puidese ocorrer a calquer ‘mercachifle’ das letras. Ula, a novidade da dinastía e do seu, agora, deostado representante? Se toda a vida e todos eles fixeron o mesmo. De que se escandalizan os pseudopuritanos de hogano? Queren acaso imitar os personaxes da aristocracia-burguesía ovetense de La Regenta, para quen o pecado social non era o feito senón o escándalo? Talvez esqueceron a consigna de antano en virtude da cal o dilema non era monarquía / república senón ditadura / democracia? De que se queixan agora?

A monarquía valeulles hai 45 anos, e válelles no presente, porque ela é a clave de arco da Constitución española vixente. It´s the Constitution, stupid! É o pacto constitucional o que cómpre salvar a toda custa, isto é, a sagrada unidade de España, a imposición dunha única nación-patria, a hexemonía indiscutíbel do español, o papel das forzas armadas como garantes daquela unidade, a sucesión dinástica masculina (e dinse feministas!), os privilexios da Igrexa Católica, o imperio dos mercados e dos poderes financeiros. Castelao resumiuno ben hai moitos anos na tríade coñecida: capitalismo, militarismo, clericalismo. Dixo o presidente do goberno español algo moi certo: a Constitución non se trocea. Xaora: ela é a que aferrolla o rexime actual e con ela cómpre cargar, aínda a custa de aturar as sevicias dos seus representantes. Iso si, os presos políticos cataláns, retornados ao cárcere.

E mentres nós, galegas e galegos, seguimos a depender desta España cañí, enrédannos días e días coa tinta da lura para impedir ver o que temos diante, por exemplo: o superavit dos concellos entregue ao Estado; a ría do Burgo sen rexenerar; a de Pontevedra, en mans de ENCE; da industria,  mellor nen falar; os fundos europeos sen criterios certos de repartición; o país noso cheo de eucaliptos e de incendios; dous vagóns de tren envorcados no río Sil; a nosa lingua a cada paso máis maltratada; a cultura, a velas vir; a economía produtiva galega, abandonada á súa sorte; o ensino, convertido en policía sanitaria; aldeas e vilas desertas ou esmorecentes... E da filla conspicua da globalización, a pandemia, non me sinto capaz de falar.

comentarios