Opinión

Togas, uniformes, sotanas, hábitos

Advirto que emprego palabras españolas e non galego-portuguesas, porque me vou referir á actuación de institucións españolas ou "universais" que operan na nosa nación. Hai profisións que manteñen como distintivo do gremio o uso de roupas talares ou de vestimentas identificativas. Non estou a pensar en roupas ou complementos de múltiplos traballos que as esixen pola súa natureza: traxes de augas, luvas, batas de traballo, botas... e tantos máis. Falo da herdanza histórica de indumentos que non só identifican a profisión senón que indican autoridade e potestade. Xuíces e maxistrados continúan usando "togas" e "puñetas". Militares, uniformes con galóns, medallas, bandas, gorras, sabres, tricornios (e contundentes "porras", os policías). Cregos, sotanas ou o seu substituto coñecido como clergyman. Bispos, cardeais e papa, idem, con máis luxo e reviricocadas cerimonais. Frades e monxas, hábitos, correspondentes á orde ou congregación respectiva.

De modo e maneira que, detrás desta aparencia formal, temos nada menos que a Xustiza; o Exército e as Forzas e Corpos de Seguranza do Estado; a Igrexa Católica (os seus ministros e as súas xerarquías); así, con maiúscula, para maior énfase e prestancia. Tamén é certo que a universidade –en certas ocasións solemnes ou en certos ritos gremiais– gosta de resucitar a roupa talar (toga, muceta, birrete) e así marcar unha superioridade de "excelencia" e antigüidade, coa compaña do latín do seu himno para maior solemnidade (nada acorde con aquel persoal docente  que na actualidade cobra menos que o salario mínimo interprofisional). Gosto de contrariar o refrán e afirmar que o hábito si fai o monxe, por moito que, na realidade, as bridas de ouro non fan bon o cabalo nen o xenete (outro refrán). Pois ben, non por casualidade senón por causalidade histórica, estas profisións que menciono son as máis herméticas, renuentes ou hostís á lingua galega. Examinen as porcentaxes de uso da mesma en cada unha destas institucións e verificarán unha pontuación que vai do cero absoluto a proporcións exiguas, que honran, como non, a quen teñen detrás, mais que non representan senón excepcións que non anulan a norma.

E, neste ronsel, chegamos ao século XXI e temos que aturar que unha xuíz se negue a cumprir co seu traballo de funcionaria pública –paga por todos nós– e refuse oficiar unha cerimonia de casamento en galego. Por este camiño, seguimos a ter que refacer declaracións nosas en galego –que asinamos e das que nos responsabilizamos– perante a policía ou o xulgado. As misas ou outras cerimonias ou actividades eclesiásticas en galego cómpre buscalas con lupa (xa non falemos da sinalización para visitantes). O uso do galego na docencia universitaria –fóra das redundantes: lingua e literatura galegas, e mais das "herdadas" doutros tempos, estupidamente denominados "en branco e negro"– deita porcentaxes mínimas, se temos en conta que a Lei de Normalización Lingüística logo cumprirá 40 anos e o Plan Xeral de idem hai 18 anos que se aprobou por unanimidade do Parlamento galego: pobre papel morto!

Ora ben, non se consola quen non quer. A lingua e a literatura galega deben de ser das máis premiadas de todo o planeta. Auto-homenaxe arreo. Case era ben facer como nas ceas de Noitevella da miña infancia (eramos oito en total): concurso de cancións cun xuri de tres persoas e cinco grandes premios. Todos felices.

Comentarios