Opinión

Tiranía e maltrato

Comezaremos polo principio. En que lei, decreto ou orde se estipula que toda a povoación ha de dispoñer de telemóbel? Ou de computador? Ou de "tableta"? No primeiro caso, en que lei, decreto ou orde se estabelece que o aparello ha de permitir o uso de certas aplicacións para poder receber mensaxes administrativas, sanitarias ou doutro tipo que resultan imprescindíbeis para o receptor? En que lei, decreto ou orde se declaran ilegais as comunicacións en papel, sempre e cando se cumprimentaren os impresos con letra clara e lexíbel? A resposta, ben o sabemos, é negativa. As administracións públicas e as empresas privadas, coa anuencia daquelas, impoñen pola vía dos feitos unha maneira, unha só, de nos comunicarmos con elas. É o imperio das multinacionais do sector (telefonía, computación) o que hai que servir, e a el nos temos de adaptar, tanto administrados como funcionarios ou contratados da institución pública. Cabería esperar –en boa lóxica– que, se esta é a regra imposta, tivese aumentado na proporción correspondente o número de traballadores, tanto das institucións públicas canto das empresas privadas cuxos servizos pagamos, para atender e solucionar os problemas derivados da nova pauta. Non só non aconteceu, senón que o proceso foi ás avesas: cada vez menos e máis distantes.

É neste contexto onde estoura o escándalo (consentido) do funcionamento da banca: redución de persoal, desvío ao caixeiro automático, contracción horaria para trámites tan necesarios como a cobranza da pensión ou o pagamento de recibos. E como o capitalismo global aínda non terminou o incesante proceso de atomización, velaí temos xa creado un novo subgrupo: os vellos. Perdón: os maiores (o eufemismo que non falte). O problema non é que existan (na nosa nación, en proporcións elevadísimas) e deban ser atendidos despois de toda unha vida de traballo e de impostos satisfeitos. Non, o problema é que son "vulnerábeis" e precisan paternalista axuda de quen os guíe e oriente para se poderen desenvolver cunha máquina e estaren así acordes cos tempos. E, aínda por riba, tendo que subvencionar millonariamente instalación de caixeiros automáticos á entidade que mercou de saldo as antigas caixas galegas. Negocio redondo.

A realización de múltiplas xestións administrativas –tantas, obrigadas– só se pode realizar telematicamente. Ás facultativas hai quen renuncia, por non perder tempo, enerxía, vista e humor-saúde. Se se medir en horas de tramitación o tempo gasto en cumprimentar solicitudes dunha modestísima subvención, non é de estrañar que haxa quen renuncie a ela: mellor é unha colecta pública cunha gorra na man. Noutros casos, o sistema "colapsa" e non dá absorbido a cantidade de solicitudes. Nos de máis alá, expira a aplicación e cómpre voltar ao inicio do proceso. Xaora, a culpa é nosa, por non sermos "nativos dixitais", puro disparate conceptual e anti-humano. Camiño levamos de sermos analfabetos sofisticados, iso si, apantallados con perda acelerada de mínimas destrezas de comunicación, orais e escritas.

Tiranía e maltrato. Repulsiva consideración dos vellos como ignorantes e arcaicos, isto é, como sobrantes. Impecábel modelo social!

Comentarios