Opinión

Tempo e memoria

Teño un reloxo de parede, vello: cada dúas semanas, máis ou menos, cómpre darlle corda. No recomezo do seu son, o toque das horas é rápido e alegre; conforme pasan os días, lentifícase e, xa no final, soa máis pausado aínda. A corda dálle nova vida, e a volver empezar... E se as vidas humanas –en certos momentos, polo menos– puidesen poñerse en marcha de novo, nun recomezar constante?. Ben quixeramos poder lembrar episodios da nosa infancia ou adolescencia en que todo semellaba por coñecer ou por descobrir. Saudades imposíbeis, ou saudade do imposíbel.

Merquei hai pouco un rolo de papel de notas, para o colocar na pequena táboa onde se apontan mercas a facer ou calquer outro aviso. O cilindro de papel debe de ter varios centos de metros. Pensei: este rolo durará máis ca min, non sendo que me der por imitar a escrita de papiros ou pergamiños de outrora. Este pensamento levoume a Rosalía de Castro, en concreto, a un seu poema do Libro II, "¡Do íntimo!", de Follas novas. É o titulado "Amigos vellos", que remata así: "Logo se acaba da vida a triste / pelerinax. / Os homes pasan, tal como pasa / nube de vran. / I as pedras quedan..., e cando eu morra, / ti, catredal, / ti, parda mole, pesada e triste, / cando eu non sea, ti inda serás". Ela, a poeta, é, fica en nós, a despeito do tempo, pola memoria agradecida que non fai máis que agrandar a súa personalidade e a súa obra. Tal poema levoume da man, como non, ao do mesmo libro, explicitamente titulado "Na catredal", que debera figurar escrito con letras de ouro na grande basílica de Compostela, todo el, incluídos os versos que delatan a persecución de que foi obxecto.

De aquí , sen solución de continuidade, o meu acordo foi para "Estranxeira na súa patria", tamén do mesmo Libro II, con ese final estremecedor: "mentras cerraba a noite silenciosa / os seus loitos tristísimos / en torno da estranxeira na súa patria /, que, sin lar nin arrimo, / sentada na varanda contempraba / cal brilaban os lumes fuxitivos". "Sin lar nin arrimo": expresión idéntica á que figura en "A xusticia pola man": "sin lar, sin abrigo". E, afinal, lembrei como este Libro II da inmensa Follas novas, comeza cunha despedida, física, real, dela mesma, por viaxe imposta, e remata coa despedida irreversíbel, a da protagonista de "¡Soia!". Sen esquecermos aqueles versos recorrentes que facían chorar a Salvador de Madariaga: ¡Padrón...! ¡Padrón...! / Santa María... Lestrove... / ¡Adiós! ¡Adiós!.

Si, a memoria vive no tempo e é a que nos salva del. En 1988, Francisco Rodríguez publica Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, derivada da súa tese de doutoramento. Nunhas palabras conclusivas lemos: "Rosalia escribiu desde o epicentro da marxinalidade: a dun país dominado e frustrado nas suas aspiracións, a dunhas clases sociais explotadas –os labregos e mariñeiros–, a dun grupo social dobremente oprimido –as mulleres traballadoras–, a dun sector que non se sinte cómodo na sua función social –as mulleres, en xeral–, a daqueles que non se sinten integrados psiquicamente nen afectivamente no binómio reducionista, basado en critérios biolóxicos, home-muller". 1988.

Comentarios