Opinión

Teletraballo... e telecultura?

Outra das palabras máis repetidas neste tempo é o practicado, e gabado mesmo, teletraballo. “Véndese” como a grande oportunidade moderna de seguir a laborar desde o domicilio, e non vou ser eu quen negue as posibilidades de comunicación que permite, a comezar polo envío, sen ir máis lonxe, deste artigo. Mais unha cousa é a comunicación facilitada e unha outra o traballo continuado e obrigado. A triganza aparece cando sospeitamos ou tememos que esta modalidade laboral se utilice no futuro para: a) reducir-eliminar postos de traballo; b) esborrifar de vez a fronteira entre público e privado, con horarios-disponibilidade total, coa “conciliación” polo chan: unha penetración en toda a regra nas vidas de traballadoras-es. Onde ficou a clásica repartición (masculina) de 8 x 3: oito horas para traballar, oito para durmir, oito para se entreter? Ula, tendo de estar disponíbel mañá-tarde-noite? O que pode semellar aparente comodidade, non resultará coadxuvante do isolamento, o individualismo e a deshumanización que tan caros son, por obvio maior control, ao proprio sistema? Denuncias laborais que xa se teñen producido, por certo, antes desta crise.

Camiñaremos tamén á “telecultura”? Non me refiro, obviamente, á “cultura” (?) transmitida polas televisións, senón a que inza estes días polas redes, con todo tipo de emisións musicais, videográficas, teatrais ou literarias, e unha grande dose de boa vontade por parte dos seus creadores ou difusores. E o “mando en praza”, ulo? O sr. Rodríguez Uribes acordou un día pola mañá e dixo: “Ah! Ahora recuerdo que soy ministro de Cultura”. Do seu homónimo galego de Agricultura, sr. Rodríguez, don Román, non coñecemos pronunciamentos ao respeito, mais isto non significa que non os houbera, claro está (o de “agricultura”, como diría Cantinflas, non é equivocación; é só por se a a consellaría está nas patacas ou na horta, mais, insisto, a miña información é limitada, e nestes tempos máis). Por exemplo, enteirámonos de que a Xunta propón aos axentes turísticos “promocionar Galicia unidos”, como “destino fiable e de calidade”. Así mesmo, notificados fomos de que ficaban suspendidos actos do Macabeo (perdón, do Xacobeo: agora foi lapsus linguae provocado polo recordo do vello cantante de “Los Panchos”, que así se referiu a el). O Xacobeo, como metonimia devoradora e voraz da programación cultural, que absorbe inclemente diñeiro público a esgalla, para seguirmos a ter graves e urxentes necesidades en patrimonio histórico-artístico, en teatro, no audiovisual, na cinematografía, nas editoras e librarías, na promoción da literatura galega, nas bibliotecas, nas artes plásticas, nos museos, na música en todas as súas modalidades e estilos, na restauración de monumentos, nos plans directores de cuidado e mantemento da arte galega... Continuamos? Hai algo de algo, atinente a todo isto, mínimo que for? Ou haberá que se resignar a que as e os artífices culturais son como os vellos cómicos da legua, a expensas dun público pagador ou dun idem maleducado? Hai alguén aí?

O passado é uma roupa que já não serve mais, cantaba Elis Regina. Concordo.

Comentarios