luns 17/05/21

Tal día coma hoxe

Tal día coma hoxe, de 1880, Rosalía de Castro asina a dedicatoria do seu Follas novas aos “Señores da Xunta Directiva e mais individuos que compoñen a Sociedade de Beneficencia dos naturales de Galicia na Habana”. 43 anos fai a escritora nesta data. Iníciase para ela un novo ano de vida (que, infelizmente, só se prolongará cinco máis, até 1885) e iníciase, de certo, para a literatura galega renacente unha nova etapa, a definitiva, aquela que se concede o tratamento de calquer tema, de se elevar ás perguntas máis transcendentes da humanidade, dando conta asemade do máis premente e realista acontecer galego. Rosalía de Castro desfai de vez o confinamento en que, xa daquela, se pretendía encerrar a lingua galega e, con ela, a súa literatura, a escrita en galego. 

Celebramos todos os anos o aniversario do nacemento da escritora o 24 de Febreiro, mais non é infundada a hipótese de que a data real do mesmo fose o 23. Así o afirma Murguía no seu Diccionario de Escritores Gallegos, como é igualmente significativo que sexa esta a data, como dixemos, elexida pola autora para asinar a dedicatoria mencionada. Toda ela está en galego, como o texto prologal que a continúa, “Dúas palabras da autora”, sen dúbida un dos mellores ensaios histórico-literarios da literatura galega. Non cansaremos de reiterar o reveladora que resulta esta prosa. Que, a aquela altura, a escritora reservase o galego para o corpo poético da obra e escrebese en español o texto inicial sería o “normal” para os leitores da época. Escritores anteriores e tamén coetáneos ou contemporáneos así o facían (non se restaura publicamente unha lingua reprimida e afastada do prelo sen pasos de evolución gradual). Por iso a decisión da autora cobra toda a súa importancia normalizadora. Non lle era novo ou insólito o exercicio. Xa o practicara en Cantares gallegos (1863), cun prólogo que vén ser o primeiro ensaio da literatura galega e que explica, el só, de xeito inmellorábel, a razón e a finalidade da obra. Só obviando a súa existencia se pode desvirtuar, como se fixo repetidamente, libro tan fondamente político á par que maxistral esteticamente. Así o evoca a autora na dedicatoria de Follas novas: “ unindo naquela obra de patriotismo [a fundación da sociedade que a homenaxeaba] o recordo dun libro que foi tamén o esaltado fruto de amor ô noso país”. 

O 23 de Febreiro de 1880, Rosalía de Castro asina de vez a maioría de idade da literatura galega. Follas novas é, de seu, unha obra completa, unha sorte de enciclopedia: o certificado inapelábel non só das posibilidades literarias da lingua galega senón das súas aspiracións: a través do factual, do texto literario, ficaba probada a súa capacidade temática ilimitada, para alén dunha arriscada virtualidade innovadora no formato poético, recipiente de varios xéneros ou modalidades literarias. É, desde logo, un prodixio de modernidade: a humanidade declinada en feminino, coa voz protagónica da maioría social das mulleres; a indivisibilidade de pensamento e sentimento; a universalidade en e desde a especificidade nacional. Todo isto, e moito máis, é esta obra con 141 anos de existencia.

comentarios