Opinión

Setenta anos con Castelao

Tal día como hoxe, 7 de Xaneiro, falecía en Buenos Aires Castelao. Cérrase na Arxentina un círculo vital que alá o levara como fillo de emigrantes e onde retornará como exiliado en 1940. Desde Xullo de 1936 non puidera tripar terra galega. Só a contemplara coa forza da memoria, como refere no seu discurso “Alba de groria”. E, secomasí, nunca con máis vontade estivo na nosa nación, tal e como testemuña o rotundo título da súa obra capital: Sempre en Galiza (Buenos Aires, 1944).

Hai cincuenta anos, no vixésimo cabodano da morte do noso egrexio compatriota, Eduardo Blanco Amor escrebeu unha serie de artigos en prensa galega e catalá sobre el. Era un exercicio consciente contra a amnesia; un apelo ao coñecemento e aprecio de quen tanto nos significou colectivamente e nos representou artisticamente. Nun deles relembra un desexo expresado por Castelao á altura de 1942: “Curros quería os mozos ateigados de estrelas; a min gostaríame máis ateigados de ideas”. Saúda o grande novelista que os mozos daquela (1970) se achegaban, “abraiados e conmovidos” á personalidade e á obra do insigne patriota, nunha descoberta serodia mais frutífera.

En 1986, no Congreso organizado para rememorar o centenario do seu nacemento, Carvalho Calero profere un memorábel discurso inaugural, cualificándoo de auténtico “valedor do povo”, e compondo, para alén do ritual e da pompa vouga, unha auténtica lección sobre a súa obra artística, a súa calidade literaria e o seu significado político. Foi, desde logo, un dos seus autores predilectos, que caracterizou impecabelmente no seu labor de narrador-ourive, na orixinalidade extrema das súas Cousas.

Castelao, pois, debera pertencer a ese catálogo de “cultura xeral” para calquer galega-o letrada-o e debera ser coñecido na súa obra artística por todo o público con acceso a ela. Nen un nen outro signos mínimos de normalidade cultural se cumpren. Fagan a proba de perguntaren a estudantes, a escritoras-es con nome e libros publicados, que e canto coñecen de Castelao. A mesma proba pódese facer aos nosos representantes políticos. A contemplación da obra artística exhibida só dá comunicado unha idea limitada e fragmentaria da mesma. Pezas de grande valor do seu legado pictórico están recluídas en naves, propriedade de fundacións vinculadas á banca. Dormen o sono dos mortos, como se quer que el mesmo, o seu creador, durma o sono definitivo, o do esquecemento e a vaporización, após o vergoñento re-enterro de 1984.

E porén... Todos e cada un dos temas fundamentais que Castelao levantou na súa obra escrita, na súa arte, na súa intensa actividade política como cofundador e construtor conspicuo do nacionalismo galego, continúan vivos, en interpelación constante ao noso presente, chámense emigración, autodeterminación, estrutura do Estado, denuncia da liquidación do nacionalismo, explicación do pasado histórico, construción dunha cultura que se respeite a si mesma.

Saúde a este xornal que, co seu nome, tamén celebra como merece Castelao! De Nós (1920) a nós (2020). Setenta anos sen Castelao, que deberíamos mudar en setenta anos con Castelao.

Comentarios