Opinión

Seremos un semi-país?

A última  ‑que non derradeira‑ vez aconteceu en Ferrol, na inauguración da Exposición que o Concello desta cidade dedica ao seu ilustre paisano, Ricardo Carvalho Calero. A primeira intervención, magnífica, por veraz e con contido, foi a de Delia Vázquez, presidenta que foi da Sociedade Cultural Medulio, pioneira en organizar unha homenaxe en vida a tan insigne profesor e escritor. A de clausura correu a cargo de Margarida Carballo Ramos, a primoxénita do celebrado, igualmente certeira, agradecida e realista. No medio, as intervencións do presidente da Real Academia Galega, do director xeral de Política Lingüística e mais do alcalde da cidade. Como ilustración musical, a actuación dun cuarteto de música tradicional, composto por gaita, acordeón, tamboril e bombo. Tocaron varias pezas que soaron magnificamente e concluíron coa interpretación do Himno. Non lonxe deles, estabamos a profesora Aurora Marco, Emilia Seoane, técnica do Concello e grande animadora da exposición, Adela Figueroa Panisse e unha servidora. Comezamos a cantalo, claro. Non fixo falta máis que unha ollada miña á última das citadas, a Curra Figueroa, para ela comprender: se o Himno se facía rematar en “Fogar de Breogán”, cumpría seguir; seguiríamos. Así foi, tal cal previmos ou temíamos. Ela entoa moito ben (canta nun coro), así que as demais vímonos ben acompañadas a partir de “Os bos e xenerosos” e até o final: “Nazón de Breogán”. O resto do público presente seguiu, mal que ben, aínda que soar soou ben forte e rotundo. Os músicos, sorprendidos ao comezo, restauraron o acompañamento musical.

2020. A lei que oficializa o Himno  ‑por non lembrarmos as súas orixes na Coruña, xa no 1890, e a súa estrea na Habana, en 1907‑ é a “Lei de Símbolos de Galicia”, lei 5/1984, unha das primeiras, pois, do rexime autonómico. Á vista do que acontece, acto após acto, coa mutilación amentada do mesmo, eu pergúntome, 36 anos despois de promulgada aquela lei: colleríamoslle o gosto a termos un semi-himno e, consecuentemente, a sermos un semi-país, un semi-povo, unha semi-cultura? Se así for, deberíamos ser congruentes e non termos problema en amputar pola metade, cal ameaza salomónica do pequeno en disputa, outras moitas cousas: podémonos chamar “Gali”, para abreviar; os orzamentos podémolos partir pola metade; igualmente, os salarios; os horarios escolares, reducilos ao 50% dos actuais... E un longo etcétera.

Tamén propoño unha reforma de lei citada, a fin de a completar do seguinte xeito, visto a enorme dificultade de tantas autoridades e representantes públicos da nosa nación á hora de cantaren o himno enteiro e con coñecemento de todos os seus versos. A adición consistiría en admitir varias modalidades: a) canto das súas dúas primeiras estrofes; b) modalidade play back: facemos que o cantamos, mais na realidade só movemos como se tal os beizos; c) modalidade de alta concentración: non cantamos nada, porque  estamos ensimesmados. Un meu alumno da Universidade Senior deume a clave: no grupo musical a que pertence teñen programadas as dúas versións, a “curta” e a íntegra. A gosto do consumidor. Laus Deo!  

Comentarios