Opinión

Saudades

A Natasha San Vicente, en recordación
daqueles tempos do “Eusebio da Guarda”.

O conto é como segue. Unha moi querida ex-alumna miña (a dedicataria deste artigo) do Instituto “Eusebio da Guarda” da Coruña atopa sorprendentemente entre os seus papeis un caderno que daba por perdido, após varias mudanzas. Trátase dunha libreta escolar, de 55 páxinas, que contén os apontamentos da materia de Literatura Española de 3º de BUP, que eu impartía entón naquel centro, o meu primeiro destino como profesora desa materia. Escaneouno, envioumo, eu imprimino... e aí comezou –coa súa leitura– unha viaxe ao pasado. Admira a caligrafía –unha letra perfeitamente lexíbel–, o coidado da ortografía, a boa disposición da “teoría” e de todos os textos acompañantes. Fiquei pasmada.

Créanme, por favor: non hai nada do que vou resumir de vaidade nen de auto-compracencia. É unha outra cousa: é a constatación da liberdade que nos podiamos permitir daquela. Todo o caderno está escrito en galego, a lingua en que eu impartía as clases. O programa oficial está convenientemente modificado en varios temas: a obra estudada de Shakespeare non é O rei Lear senón A tempestade; o derradeiro tema é, nada menos, a explicación de El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro, como novela principalísima do XIX, a despeito da súa omisión; hai temas prologais –fóra enteiramente do libro de texto que non seguiamos máis que para lermos algúns fragmentos de obras– que tencionaban analisar a especificidade da arte literaria.

Sorrío ao verificar a miña inxenuidade, querendo transmitirlles “todo” canto eu sabía ou cría saber. Por entre as citacións críticas, aparecen con toda naturalidade autoras-es de antoloxías sobre a poesía de Quevedo que –non sei por que razón, talvez por influencia do meu proprio bacharelato– sobrancea con moitos poemas; Maravall, o autor de La cultura del barroco; Francisco Rodríguez; Roberto Fernández Retamar; a misoxinia e, por contra, o feminismo de moitos textos...

Amigas e amigos leitores, case corenta anos de distancia... Nun curso posterior, coincidimos no mesmo centro Pilar Pallarés e unha servidora. Partillamos dous “segundos”: 2º G e 2º H. Lémbraste, querida tocaia? Demos en nos poñer de acordo, ela como profesora de Lingua e Literatura Galegas e eu de Literatura Española, en “repartirmos” tarefas e textos. Ela “atacou” Rosalía de Castro e outros varios escritores de literatura galega, tamén fóra de programa, e eu, durante catro semanas, un “programa” enteiro dedicado á poesía medieval galega, nos seus varios xéneros, coas cantigas facilitadas a golpe de fotocopia (coido que aínda debo de conservar, nalgures, un exemplar desta “antoloxía”). O “experimento” funcionou ás mil marabillas e as alumnas (o instituto era daquela só feminino: esa foi tamén unha das “batallas” que emprendemos entón...), moi satisfeitas de tanta descoberta.

Voltemos ao presente. No sábado 29 de xuño, vivemos unha xornada moi grata: a homenaxe á grande escritora Pilar Pallarés, co gallo da entrega, por parte da AELG, do E de escritora na súa terra. Todas as intervencións, desde a do presidente da entidade, Cesáreo Sánchez Iglesias, até a de Eva Veiga, autora dunha magnífica laudatio, insistiron na vocación docente da escritora como central na súa vida e traballos. Ex-alumnos/as presentes así o certifican e ela propria o corroborou: xa de nena xogaba coas bonecas “poñéndolles” escola...

Volvo ao motivo que provocou este artigo e non resisto a comparanza cos tempos actuais. Quéixase o profesorado de todos os níveis do ensino de estaren abafados de burocracia, cumprimento de tarefas administrativas, suxeición a programas (denominados “currículos”, que estupidez!) imposíbeis..., para alén de moitos problemas co alumnado, de disciplina mínima, falta de atención ou hipertrofia de informacións descoordenadas. Da ausencia de coñecementos vinculados á xeografía, á historia, á arte, á literatura... galegas, mellor non falar. Avanzamos? Retrocedemos notoriamente? Desde logo, o descrito daquelas prácticas docentes de hai xa décadas hoxe douno por imposíbel ou altamente improbábel, a comezar pola liberdade de prescindirmos do libro de texto, e xa non digamos do uso do galego como idioma docente. Da nostalxia non se vive, ben o sei. Admítanme só que ceda á lembranza saudosa por unha vez. Cousas da idade.

[Este artigo foi publicado no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza]

Comentarios