Opinión

Rosendo Salvado

Confeso, antes de máis, a miña ignorancia. O nome de Frei Rosendo Salvado, na miña primeira noción, lévame a Tui. Aos meus 13 anos pasei cinco ou seis semanas alí, na casa dos meus tíos Elena e Antonio. En realidade, a casa está na parroquia da Nosa Señora da Guía, a km. e medio, aproximadamente, da cidade. Unha chea de descobertas. Todo era rechamante: as froitas de verán, riquísimas; os tomates, pementos e cabazas, enormes; as bombas e foguetes das festas, todo o día; ver mulleres novas, todas vestidas de negro, o que me levou a perguntar á miña curmá Pacita como había tantas viúvas: non son tal, explicoume ela, gardan o loito mentres os seus homes andan no mar. Viúvas de vivos, pois. Escoitei por vez primeira a palabra "entón" e a música do galego que por alí ouvía era tan diferente á por min coñecida que me semellaba que cantaban, no canto de falaren... Ao chegar ao meu Lugo natal de volta, lémbrome imitando aquel sotaque, igualiño ao que ouvía en Valença, a onde íamos camiñando pola ponte, abraiada eu pola contemplación dun Miño larguísimo e enorme en comparanza co "meu" Miño lucense. Ver vacas ceibes á carreira no monte Aloia, cando a imaxe que delas tiña era lenta e pousona, deixoume pasmada. E agora me decato de que me desviei polo ramal da memoria e perdín o obxecto da miña lembranza de Tui. A ela íamos case todos os días e alí foi onde tiven, como dixen, a miña primeira noticia de Frei Rosendo Salvado: a estatua que o recorda no centro da cidade.

A segunda debeuse á miña curiosidade, pois vivín varios anos na rúa que leva o seu nome, en Santiago de Compostela. Dúas palabras están asociadas: Australia e eucaliptos. Aí ficou o meu coñecemento do noso compatriota.

Hai poucas datas, levei unha auténtica surpresa. Veu da man da Academia Galega de Belas Artes, que organizou –como tantas outras terzas feiras: iniciativa realmente plausíbel e meritoria– o concerto de Andrea González ao piano, apresentada por Juan Durán e acompañada da soprano moldava Clara Jelihovschi Panas. O programa, integramente dedicado a composicións de Rosendo Salvado (1814-1900): Salve Regina; Fantasía, variacións e final; Maquialó (baseada en música de nativos australianos); Pequeno entretemento con ar de marcha; Tantum ergo; Gran Walz fantástico. O concerto da virtuosa pianista e da excelente voz da soprano estivo acompañado da proxección dun vídeo e de explicacións da primeira (tamén de Tui: 1987) que facilitaron informacións moi acaídas sobre a personalidade e virtudes do tudense: formado inicialmente en Tui, logo en San Martiño Pinario, emigra a Italia canda a desamortización; de alí, a Australia, onde funda a abadía beneditina de Nova Nursia; fai viaxes varias á España e á Galiza, onde trouxo, efectivamente, sementes de eucalipto e de acacia (a cruz da invasión eucalíptica actual ten uns outros responsábeis). Faleceu en Roma, mais descansa naqueles antípodas. Mesmo solicitou á potencia colonial, Inglaterra, ser declarado aborixe, para mellor os defender. Ensinou morse a unha muller nativa, que chegou a ser a primeira directora de Telégrafos da colonia. A súa vida lonxeva é obxecto de recoñecemento en Australia.

Un outro galego expatriado, insigne, que entregou a súa vida e afáns a outras latitudes. Parabéns á Academia de Belas Artes e á música, investigadora e divulgadora Andrea González por "devolvernos" o coñecemento do noso compatriota.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios