Opinión

Roda de prensa

Ben, pois vou dar información sobre as operacións que executamos diariamente. Despregamos 3.591 efectivos humanos por todo o país. Dispomos de carriños non motorizados, en que transportamos todo o material que precisamos: vasoiras, fregonas, mopas, xabrón, lixivia, deterxente, desinfectante, esponxas, estropallos, baetas, panos, amoníaco e outros líquidos varios. O noso traballo atende todo tipo de edificios públicos e privados. Defrontamos un inimigo invisíbel que non coñece fronteiras e penetra por toda a parte. Mais aí estamos nós para lle facer frente, todas unidas, en perfeita liña de combate. Esta guerra témola que gañar entre todos, por iso pedimos que o persoal sexa cívico e e hixiénico e colabore para non deixar estradas por calquer parte porcarías evitábeis. O noso traballo e o noso instrumental renderán máis se todo o mundo se decata do valor do que facemos.

Cambiar, cambiaron as cousas, si... Nunca tantos homes vin con luvas plásticas ou de látex. Para nós, non vos é novidade nengunha. Agora, de cando en vez, recebemos algúns aplausos, mais oxalá que se convertesen en aumento de soldo, que continúa a ser baixo, e máis des que, a maioría, pertencemos á empresa privada, que xa sabemos a que vai. Na radio, unha e outra vez, ouzo: "Quédate en casa. La fuerza eres tú". O primeiro, non podo, pois estou a traballar todos os días. O segundo, madia leva!, claro que eu son a forza: sen ela, non podería traballar... Vaites, vaites! Doazóns non podemos facer, porque xa "doamos" moitas bolsas do lixo para suprir material que faltaba a enfermeiras e médicas, e outra cousa para doar non temos. Viríanos ben, como xa dixen, que nos "doasen" a nós mellores condicións de salario e laborais.

Como xa falei, somos un exército perfeitamente formado. Vestimos batas azuis (celeste ou escuro) ou grises, e calzamos zapatillas plásticas ou de goma. Moitas, tamén, pano na cabeza. As máscaras, unhas, si, e outras, non, pois non hai dabondo.

Ai, onde terei a cabeza! Aínda non me presentei: son Remedios Socorro Faramontaos de Cimadevila e Varela-Valboa, e falo en nome da UIL (Unidade Informal de Limpadoras). Ben, agora cedo a palabra ao meu compañeiro, en nome dos recolledores de lixo, e mais á compañeira que falará como representante das repoñedoras e caixeiras de supermercados, que, como saben, tamén fan labores de limpeza e desinfección. E eu marcho, que teño que marchar... Hei de recoller a pequena, que ma ten a dona da tenda de a carón da miña casa, miña xoia, a debuxar e ler contos... É moi boíña... Mais antes teño de pasar pola casa da miña nai, a ver como anda: xa vai maior e ás veces váiselle o acordo...

Han disimular que, como non teño costume de falar polo micrófono, pois non sei se me expliquei ben... Todo o mundo anda a falar de que moito han mudar as cousas de aquí en diante. Eu non lles sei se vai haber tanto cambio do Noso Señor. Eu téñolles outro fillo emigrado e unha sobriña que fixo unha carreira mais agora está tratando de que a contrate a miña empresa de limpeza, así que moito cambio non dou visto... Ala, adeus, que o leven ben, e até a próxima visita.

Comentarios