Opinión

Re-confinamento

Tal día coma hoxe, 14 de Abril, de hai 89 anos, proclamábase a 2ª república española. Tamén era terza feira, como no presente. Mudou o rexime político, mais a Galiza ficou confinada igualmente, aínda que con marxes de expresión e de actuación máis largas que as do rexime anterior. O “confinamento” galego quixeron axiña xebralo desde o nacionalismo galego do tempo e, en concreto, o Seminario de Estudos Galegos, da man de Carvalho Calero e Lois Tobío, xa nos primeiros días de Maio daquel 1931, tiña disposto un anteproxecto de Estatuto, na intelixencia e na confianza de que a República había ser federal e, por tanto, cumpría estar preparados para a neta voz galega existir e proclamarse como tal. A labazada chegou axiña, naquel mesmo ano, cando a Constitución aprobada e promulgada determinou que a república nen era federal nen federábel. Castelao, Otero, Vilar Ponte... inician como deputados das constituíntes o longo, dificultoso e dificultado camiño de abriren paso á redacción e presentación legal do tal Estatuto, que ficou convenientemente rebaixado para poder ter encaixe naquela Constitución que seguía a manter as esencias unitaristas. Cambio de rexime, non de sistema. Mais lembremos o artigo 1º daquel anteproxecto: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. Conta Lois Tobío, nas súas memorias, que Carvalho e el, os seus autores, tomaran como orientación e exemplo “os textos constitucionais ou estatutarios das nacións que chegaran ao autogoberno de resultas da primeira guerra mundial”. Renuncio a facer, por suposto, calquer comparanza co Estatuto actual e o seu nível competencial.

Voltemos ao confinamento presente. Ínstasenos a ficar na casa (que boa ocasión para usar este verbo e non “quedar”, por perpetuo seguidismo do español; ora, se en época normal non se difunde, a boa hora, en época crítica) e na casa ficamos. Mais hai quen padece re-confinamento. E por varias vías. Toda a povoación reclusa; os presos políticos cataláns, impedidos de o pasaren nos seus domicilios (re-castigo); tantas e tantas persoas que non dispoñen de moradas en condicións, para alén da mingua ou inexistencia de ingresos; persoas doentes ou dependentes, con ou sen axuda precisa... My house is my castle, reza a frase inglesa. Si tal, en reunindo condicións. Á casa sempre hai que desexar voltar, non estar nela á forza... Do teletraballo falarei nun próximo artigo, mais permítanme que invente un novo termo cuxo contido, porén, é vellísimo. Refírome ao “domotraballo”, isto é, o traballo na casa, diario, permanente, obrigado, invisíbel tantas veces, que continúa tendo maioritaria marca de xénero. Feminino, por suposto. Servirá esta situación extraordinaria para valorar nos seus xustos termos a cantidade de horas consumidas na multitarefa doméstica: mercar, limpar, cociñar, pasar a ferro, ordenar, lavar, coidar da prole ou de vellos ou de doentes...? Fágano habitantes da casa ou persoal contratado. Si, alguén pode nomear ese “domotraballo” como “demotraballo”, e non “demo” de povo, senón demo “del dimoni”, que dirían os nosos amigos cataláns. Velaí outra evidencia destes tempos.

Comentarios