Opinión

Rafael Lluís Ninyoles, in memoriam

Deunos a noticia Dolors Torres, amiga común de ambos, o domingo pasado. Rafael Ninyoles falecera dous días antes. Canto sentimos a morte non só dun mestre, senón dun amigo! A comezos do ano pasado dedicarámoslle un artigo que tivemos ocasión de lle enviar; contestounos cunha longa carta que moito estimamos, e máis hoxe, pois foi a nosa derradeira comunicación. Por Dolors Torres sabemos, porén, que el sempre lembrou con moito agarimo as súas visitas á Galiza e todos os nosos encontros, aquí ou na súa terra. Do seu papel decisivo na socioloxía da lingua demos conta en moitos lugares. En galego, a súa primeira obra traducida foi Estructura social e política lingüística, publicada en 1991 por Ir Indo Edicións. Laiovento publicou dúas obras do noso autor que aínda están a dispor de leitoras-es galegos: Nai España (2002) e Idioma e poder social (2005). Reproducimos a seguir o prólogo deste segundo libro, liberándoo unicamente de notas, porque nel quixemos dar a valer a importancia fundamental da súa teoría e das súas achegas, tan úteis para nós, galegas e galegos, no proceso de restauración social e pública da nosa lingua.

Descansa en paz, querido mestre, querido amigo.

     *      *      *  

No número inaugural da Revista Galega de Filoloxía, a cuxo Consello de Redacción pertencemos, tivemos a oportunidade de facermos a recensión da 4ª edición de Idioma i prejudici, de Rafael Lluís Ninyoles, membro do Consello Científico desta revista. Cando, en Setembro de 1997, recebemos varios exemplares desta edición, enviados polo proprio autor, non demos contido a nosa emoción, ao comprobarmos que ela nos fora dedicada. Que o mestre converta a discípula en dedicataria nen é cousa corrente neste noso mundo, tan hierarquizado e competitivo, nen é habitual no mundo académico-universitario, que fai seus, con tanta frecuencia, aqueles adxectivos, cal se fosen epítetos indisociábeis da institución. Claro é que, neste tan moderno século XXI, talvez o maxisterio e mais o discipulado, recoñecidos como tais, soen a arcaísmo doutras épocas. Mais unha non enrubia recoñecéndose anticuada en tantos e tantos conceitos e valores que pertencían a unha etapa máis civilizada, máis educada e máis respeitosa coa historia. De modo e maneira que me reclamo non só leitora pertinaz de Rafael Lluís Ninyoles, senón discípula, porque tirei proveito ben eficaz do rigor, da clareza, da descoberta dun arsenal epistemolóxico e metodolóxico que tan útil nos era a todas e a todos os que, anos setenta mediados, estabamos mesmamente a usar en público a lingua galega e a procurar non só lexitimidade para este uso, senón argumentos e apoios (ditos científicos) á nosa angueira.

Todo ten, claro está, a súa historia, mesmo persoal. Naquela recensión citada, recordábamos como o fin dos nosos estudos universitarios oficiais (ano 1975) coincidiu coa leitura (providencial) de dous volumes: Idioma y poder social, de Ninyoles, agasallo da miña irmá, e Conflito lingüístico e ideoloxia na Galiza , de Francisco Rodríguez, a quen coñecemos, desterrado el en Puerto Real (Cádiz), naquel curso 1975-1976, nunha visita que, por volta do mes de Febreiro dese ano, pudera facer á Galiza, grazas ás vacacións escolares e non, obviamente, á benevolencia das moi democráticas autoridades político-educativas. De providencial cualificamos a leitura de ambos volumes, porque, na nosa particular evolución, veu cadrar coa satisfacción dunha necesidade moi forte de comprensión intelectual que acompañase e fortalecese a nosa prática restauradora do idioma, feita, desde logo, con tanto voluntarismo e cariño canto ignorancia de tantas e tantas cuestións da historia e da socioloxía da Galiza, tan pouco presente (agás nas aulas de D. Ricardo Carvalho Calero e pouco máis) na Universidade galega (?) daquela altura. Foi, Idioma y poder social, libro de cabeceira, libro de referencia e de axuda imponderábel: nas nosas aulas do ensino regrado, en tantos e tantos cursos de galego (tamén á moda antiga, isto é, dos que  oferecían, gratis et amore, impulso e ánimo para o uso social da lingua, con grande empeño en restaurarmos a súa xenuidade, sen contrapartida de certificados, créditos, pontos,  méritos ...; só galego, tout court), en tantas e tantas conferencias, ou xornadas de ensino ou... partes traseiras de bares de aldeas ou de vilas cedidos para falarmos un anaco do idioma de noso cos seus utentes naturais. Á altura de 1990, solicitamos do director da nosa Tese de Doutoramento, o Dr. Dobarro, a presenza de Ninyoles como membro do tribunal que habería de a xulgar. Non foi posíbel, daquela, a súa asistencia. Mais si, moi pouco despois, tivemos ocasión de acompañalo, en varias actividades, conferencias ou leccións maxistrais que, ao noso requerimento, deu por máis dun lugar da Galiza. No entanto, xa tiñamos "devorado" moita máis bibliografía do noso autor e o sentimento de gratitude e de admiración reforzábanse, agora, cunha amizade que foi, para nós, sempre, motivo de orgullo e de honra. Coincidimos moitas máis veces, na Galiza ou en Valencia; tivemos ocasión de acudirmos a un histórico Congreso, en Morella, por convite seu; pasamos moitas horas de convivio benhumorado con el, con Dolors Torres, con Toni Mollà ... Tantas eran as coincidencias de criterio, as coincidencias políticas, a visión compartillada verbo das trapelas da diversidade utilizada como coarctada do contrario que predica ..., que mesmo semellaba estarmos de acordo telepaticamente  ou através dun fío invisíbel Valencia-Galiza.  En 2002, esta mesma editora, Laiovento, publicou Nai España. Aproximación ó nacionalismo español e o seu director, Francisco Pillado, pediunos o limiar para esta tradución ao galego. Fixémolo con moito gosto, dándolle a forma de "Carta-Prólogo" e abofé que non se trataba dun "prólogo galante", como diría Eduardo Blanco Amor, porque talmente entrábamos a discutir e a refutar a validade do célebre sintagma "nacionalismo español". Pode que este sexa un bon exemplo de como as recensións que este libro tivo na prensa escrita galega praticasen o deporte de contestar acidamente as posicións da prologuista e, por metonimia obrigada, as do autor, sen preocupación por informar aos leitores do contido e novidade do libro. Laus Deo. Nada que non coñezamos nesta querida terra galega, tan benevolente cos produtos de fóra e tan hipercrítica cos de dentro (os non afiliados ao rexime, claro  está...).

Naquela recensión de Idioma i prejudici antes citada, saudámos por adiantado a "próxima" tradución para o galego desta obra que agora, leitor-a, tes nas mans. Ao igual que os adverbios "ahora", "ahorita" e "ahoritita", no español de Cuba ou de México, non son en absoluto equivalentes, e "ahora" pode significar "nunca", o noso "próxima edición" demorou case cinco anos. Mais, apesar desta considerábel demora, debida só a traballos e enguedellos varios (non, desde logo, a estarmos pensando nos biosbardos ...), hoxe podemos celebrar o ingreso na literatura científica galega dunha obra que, sendo unha adulta de trinta e tres anos, mantén intacta a súa vixencia e o seu valor. Agradezamos, en primeiro lugar, a xenerosidade do autor, que non só deu, dilixentemente, o permiso para a tradución, senón que renunciou a cobrar direitos de autor, ao igual que no outro libro editado por Laiovento, xa citado. En segundo lugar, moito estimamos o entusiástico e rigoroso traballo de tradución do noso ex_aluno (e hoxe, compañeiro nestas tarefas) Antonio Molexón, que, xenerosamente, consumiu moitas horas de traballo e de dedicación para culminar a versión galega  de que agora desfrutamos. Estimamos inmenso, tamén, a axuda emprestada por Celia María Armas García e mais por Daniel Núñez Otero, que contribuiu grandemente para a dilixente edición deste volume.

Debemos advertir que esta edición contén o groso do traballo histórico de Ninyoles e só fai omisión  de repertorios bibliográficos extensos que o autor incluíu na edición orixinal. É, para nós, unha grande alegría poder contar, para o curso 2005-2006, coa edición en galego de obra tan recomendada e tan oferecida aos nosos estudantes en fotocopia ou en resumos orais, formatos nada edificantes, mais forzosos cando non se conta co libro en galego nen sequer co orixinal en español, hai moito tempo esgotado e, mesmo, inexistente por desaparecimento da editora española. A casualidade cronolóxica quer que forme parella, nesta súa saída ao mercado galego, cun importante clásico da lingüística moderna, na verdade o seu inaugurador, Ferdinand de Saussure, e o seu Curso de Lingüística Xeral, existente agora na nosa lingua grazas ao magnífico traballo adaptador de Xosé Manuel Sánchez Rei; de modo e maneira que temos á man un clásico do primeiro terzo do século XX e mais un clásico moderno, do derradeiro terzo dese século, cuxa validade, como xa dixemos, chega aos nosos días.

Aínda que non gostamos nada da auto-citación, permítasenos reproducir aquí valoracións que faciamos, hai cinco anos, na recensión antes mencionada: "No arsenal bibliográfico  de carácter científico que manexan as humanidades e, dentro delas, a socioloxía da linguaxe ou a sociolingüística, hai, como é doadamente verificábel, fariña de primeira calidade e farelo. Hai obras que crían doutrina, combinan o máis rigoroso da elaboración de modelos teóricos co máis util(itario) para a transformación de pautas e condutas sociais, e resultan fundamentais, en certos momentos históricos, para orientaren e fortaleceren práticas restauradoras de linguas en proceso de asimilación. Son alavanca, nunca obstáculo entorpecedor. Axudan á necesaria sistematización e esclarecen, tamén, a faramalla confusionista que outras obras teceron sobre o feito lingüístico e as súas (graves) implicacións sociais. A obra que reseñamos pertence claramente ao grupo do primeiro elemento do binomio axiolóxico que trazámos arriba. Vanse cumprir trinta anos da súa primeira edición e mantén non só toda a súa vixencia analítica senón a súa praticidade, a súa máis plena actualidade. E non é dado histórico menor repararmos en que un libro xestado no tardofranquismo  atravese a transición, sexa fundamental, premonitoriamente, na análise do marco legal-institucional que instaura o novo rexime (con herdanza ben visíbel do modelo anterior) e resulte utilísimo nos tempos actuais, onde tantos dogmas autoritarios -tamén en materia iuslingüística-  volven campar sob pretexto dunha "revisión", eufemismo dunha ben perigosa involución que ameaza dialectalizar, residualizar, as linguas nacionais en tensión coa oficial do Estado".

Reafirmámonos no escrito. ¿Que tería sido da prática restauradora do galego se acreditásemos nos cantos de serea do "bilingüismo sano y bien entendido"? ¿Que tería progredido o galego se o tivésemos destinado aos que o posuían como lingua  "materna"? ¿Que tería acontecido se nos tivésemos deixado apouvigar por masa de preconceitos tan sólida como a que padecíamos, colectivamente falando? ¿Que tería avanzado o galego se o reducísemos ás "áreas recreativas" da filoloxía, a dialectoloxía e, aínda, a uns outros métodos piores de prática forense, e non o implantásemos por toda a parte, rompéndomos así a "naturalidade" que daba por boa a distribución diglósica do galego e mais do español? De por parte, son tantas as coincidencias entre o caso valenciano e o caso galego que vai resultar ben proveitosa, e sintomática, a súa comparanza, como exemplos elocuentes de resultados moi semellantes determinados por situacións de dominio parecidas.

Oxalá que todo isto que estamos a lembrar, como persoal e colectivo arquivo da memoria, como proceso que continuou as previsións do nacionalismo histórico, puxo en obra as aspiracións e mais a praxe dun Castelao ou dun Ramón Vilar Ponte e deu á cuestión da lingua lugar central na revitalización da conciencia sobre a nación, sobre a Galiza, como realidade diferenciada, como planeta e non como satélite, oxalá que todo isto fosen só iso, recordos, lembranzas históricas. Na realidade, continúan a ter todo o seu valor pragmático e modernizador, porque non temos resolvida en absoluto a  cuestión  da lingua. Após anos e anos de politica estupefaciente, coa axuda inestimábel de meios de comunicación, gobernos municipais,  organismos públicos, poderes económicos, ensino..., o galego non só non foi a máis, senón que mirrou, perdeu falantes, estancouse en usos consabidos e/ou previsíbeis; mesmo hai revival de vellos e resesos preconceitos; continúa, de facto, a ser un idioma, en tantos casos, reprimido, ou sepultado ou disimulado. ¡Miríficos efeitos do que temos denominado táctica homeopática na condución do problema lingüístico! : inoculemos un pouco de galego, en doses ben calculadas e programadas, para conseguir que a doenza non apareza ou sexa benigna, quer dicer, asimilada polo organismo (corpo social).

A historia, como é ben sabido, non discorre rectilineamente. Que estexamos no século XXI non significa, de seu, nen maior progreso, en termos sociais, nen maior modernidade, en termos de xustiza, nen tampouco maior rigor na análise das cuestións sociais que o que alumou o século precedente. É por isto polo que o presente libro de Rafael Lluís Ninyoles vén ser axuda inestimábel para a nosa teoría e para a nosa prática. E non esquezamos que, como el proprio asume en citación inicial, non hai nada máis prático do que unha boa teoría. Conciliémola coa praxe necesaria; estudemos a lingua onde ela está, non nos arquivos do idealismo; redefinamos a Filoloxía conforme a súa etimoloxía nos ensina (logos=pensamento/palabra, simultaneamente). Que así sexa.

Obrigados, máis unha vez, benquerido mestre, por esta túa obra.

Comentarios