Opinión

Publicidade e propaganda

O repaso á histórica revista Nós, cuxo centenario celebramos este ano, oferécenos un caudal de información e de riqueza cultural enorme, fillo daquel arranque decisivo do século XX, na Galiza, desde ela e para ela: a simbiose entre lingua galega e modernidade, a concepción de que o progreso verdadeiro pasaba por coñecérmonos e exteriorizármonos como galegas e galegos, para nós e para o mundo. Repararei aquí nun aspecto da revista non menor: a publicidade nela inserida. No nº 1, por exemplo, temos anuncios dunha óptica, dunhas adegas, dun fotógrafo, de Modas Marina Noguerol que anuncia “sombreiros pra señora e nenas”, dun café, dunha drogaría-farmacia, dun fabricante de plumeiros, dunha xastraría-camisaría, dun bazar, dun hotel, duns automóbeis, dunha compañía de seguros e, por suposto, de varias obras literarias publicadas na altura, sen faltar o anuncio a toda plana das augas de Mondariz, con deseño de Castelao. Se viaxarmos ao derradeiro nº (139-144, de xullo-nadal de 1935) que puido ser distribuído normalmente, anotaremos o anuncio do sanatorio do Dr. Amancio Caamaño, en Pontevedra, o “Sanatorio Quirúrxico de San Lorenzo”, en Santiago, ou un comercio de fotogravado na Coruña. Á vista está o afán dos artífices da revista, que é tanto como dicer dos construtores do nacionalismo galego de pre-guerra, por ampliaren ao máximo o abano de oferentes-receptores-consumidores de produtos, de empresas e de comercios galegos (as augas de Mondariz ou os xabróns da Toxa son clásicos, por caso). Sen dúbida, a publicidade era moito máis do que iso: era propaganda directa da lingua galega asociada ao pragmático, á vida diaria, á burguesía como compradora. Un auténtico exercicio de normalización, na intención e no resultado, que permite analisar tanto as presenzas canto as ausencias (non hai unha só institución pública).

Cen anos despois, é practicábel a mesma operación. Escollo o suplemento de Sermos Galiza dedicado monograficamente a Carvalho Calero, que tivo, seica, moi boa difusión e venda. Comezo polas institucións públicas: Concello de Lugo, Universidade de Santiago, Concello de Ares, de Catoira, de Pontevedra, de San Sadurniño, de Moaña, d´As Neves, Porto do Celeiro, Concello de Rianxo, da Coruña, de Poio, de Fene, de Muras, do Porriño, de Mondariz, de Allariz, Deputación de Pontevedra, Deputación de Lugo. Benia a quen cumpre así obrigas de uso público do galego inherentes á sociedade a que se deben. Reescrebamos a publicidade comercial: a editora Kalandraka, Auga Editora, Edicións Laiovento, Caixa Rural Galega, B.F.L. (seguros), Colexio Fingoi, Da Veiga (bolachas mariñeiras), “Letras Galegas” (Carballo), Librarías Nobel, Foro Enrique Peinador e Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística), Edicións Xerais, Pérez-Lema (avogados e consultores), Abril (aceites), Hoxe (queixos), Valdeorras (Consello Regulador), Pardiñas (clínica dental). Unha cartografía galega de vital importancia para avanzarmos na incipiente normalización da lingua de noso. Benzón a todas estas firmas: publicidade comercial e propaganda necesaria. Hoxe, como hai cen anos.

Comentarios