Opinión

Prontuario fraseolóxico

Achego aquí unha breve serie de recomendacións para falar-escreber à la page (ao día, na moda: disimulen a tradución; só é por o francés estar de capa caída...). O primeiro é dotarse dun relato. Cómpre fabricalo ben. Pouco importa que teña a ver coa verdade. Xa saben: que a realidade non arruíne un bon titular. Despois aparece o problema, mais axiña deixa de selo, pois pregóase que hai que o converter nun reto e este nunha oportunidade. Velaquí como fica maxicamente disolvido, que non resolvido! Ora ben, é preciso contar cunha folla de ruta, que talvez nos leve a reinventarnos ou a resetear a nosa actuación. Desde logo, debemos ser proactivos, xa que defrontamos un sector estratéxico (hai tantos sectores estratéxicos que nengún o é). Como o problema antedito aínda non o definimos ben, deberemos falar de problemática, que moi a xeito pode conducirnos a unha xanela de oportunidade. A oportunidade era ben acompañala dun complemento indirecto, dun “para que”, mais, en fin, todo se andará... Falando de oportunidades, esta última encomenda que tiven foi un regalo, un luxo, vamos, que me fixo crecer!

Na miña infancia lonxincua, “emprender” era un verbo transitivo: emprender unha viaxe, un negocio..., mais agora é intransitivo: cómpre emprender. O que? Ti vai facendo..., que axiña descobrirás un nicho laboral do máis próspero. Por suposto, este emprendemento ou procura de asentamento laboral ha de ser verde, feminista e eco, moi eco-. O verde suscítame algunhas dúbidas, para alén dos millenta verdes que un botánico inglés detectou na nosa flora. Será verde-Iberdrola, verde Ence, verde-banca?

No ensino, é preciso desterrar de vez o temario ou programa: é o curriculum para educar en valores. Hai moitos anos xa (canto ría Bautista Álvarez con isto) que a miña inxenuidade me levou a afirmar que non íamos educar en vicios, digo eu, porque daquela a instrución converteríase nunha deformación pedagóxica ou nunha monstruosidade, mais recoñezo non estar á altura do conceito. Esquéceme algo fundamental: a capacidade de resiliencia. Predicarémola para as-os afectados por Ertes varios ou para os desempregados todos, vellos e novos, que hai? Se ollarmos para moitas-os pensionistas galegos, si que atoparemos, como non, tal condición. E ben, se caímos na veleidade de perguntármonos quen somos, botemos man das raíces, que son importantísimas. Unha outra cousa é o destino do tronco, das pólas, das ramas, das follas e do froito, mais non se pode ter todo nesta vida, máxime se somos galegos. Na nosa fala, debemos lembrar incluír sempre “bueno”, que é a palabra galega por antonomasia.

Hai dous conceitos que son, sen dúbida, palabras maiores, mais non teño espazo para as tratar: liberdade e matria. Da primeira só direi que cobra a cada paso máis valor a pergunta de Lenin de hai 101 anos, sempre que non se deforme o seu sentido, claro. Da segunda, só apontarei que é o título dun estimábel título teatral (Mátria, 1935) de Álvaro das Casas. Quen quixer desestimar “patria”, que refute, para empezar, o sentido totalitario da única recoñecida na Constitución, a española, porque seguiremos a celebrar a Patria Galega.

Comentarios