Opinión

Primavera de 1919

Hai exactamente cen anos (nº 84, 25 de marzo), o boletín A Nosa Terra, sob o antetítulo “Cousas esenciás”, editorializaba do seguinte xeito, co título “O galeguismo s´impón”:

A “Oliva” de Vigo orgaizou e fixo unha serie de conferencias arredor do tema “Galicia e a Autonomía”.

Buscou xente de releve para elas. Déronse xa sete, e das sete somente duas foron pronunciadas en castelán: a de Casares Quiroga, da Cruña, e a de Antonio Ximénez, de Santiago; o resto… todas en galego. Falaron en galego os catedráticos Lousada Diéguez e Risco, os abogados Noguerol, Peña Novo e Banet Fontenla. En galego vai falar ainda, tamén, o gran artista, xenio da raza, Castelao, e o insine poeta Ramón Cabanillas.

En galego falaron tamén, en Pontevedra, en duas conferencias, moi apraudidas, Cabanillas e Peña Novo. E en conferencias ós Dependentes da Cruña, empregaron tamén, fai poucas datas, a nosa língoa, Peña Novo e Villar Ponte.

Xa non percisamos dicir que en todal-as veladas, festas e actos de propaganda, somente s´emprega o noso idioma, pol-os galeguistas.

[…]

E non hai que darlle voltas. O problema mais interesante e trascendente de Galicia, o de ser ou non ser, é o da língoa. Os outros son problemas axetivos.

A língoa é a i-alma; é a i-alma e o sustantivo. Cando fai poucas datas, á saída dos concertos que dou na Cruña a Orquesta de Cámara de Barcelona, ouvíamos falar sempre en catalán, ós profesores d´aquela coleitividá, pensábamos: isto é o segredo da forza de Cataluña.

O triste é que haxa ainda moitos galegos, obreiros e siñoritos, que non poidan decatarse de tan sinxela verdá.

Estamos, como se ve, nas primeiras consecuencias organizativo-prácticas do labor das Irmandades da Fala, fundadas en 1916. A lingua escrita é unha lingua en construción, como non podía ser doutra maneira. O substantivo-adxectivo “galego” e as súas variantes xa se usaba neste boletín desde 1917. Outras moitas particularidades da mesma aínda demorarían en acadaren unha imaxe de decantación e fixación.

Obras literarias de Cabanillas, Leandro Carré ou López Abente son anunciadas neste número, mais tamén varios negocios, todos eles da Coruña: unha imprensa, unha farmacia, unha xastraría, un hotel, un representante de viños e licores… É visíbel, xa desde estes primeiros tempos da publicación, a intención de asociar o galego con calquer ámbito de uso público. O da oratoria pasaba por todo atrevemento (como dixera décadas antes Rosalía de Castro): podemos imaxinar toda a carga de ruptura e de transgresión que supuña a súa utilización nunha tribuna pública, espazo monopólico do español.

Rachar o monopolio, introducir  -a través dun uso pragmático- o galego en vivo e en directo, para alén de cánticos afervorados á súa validade ou á súa beleza, foi, de certo, unha conquista. Conquista que iría gañando novas prazas, novos ámbitos, nos anos sucesivos.

Voltemos ao presente. O anémico e intacto Estatuto de Autonomía galego,  a 38 anos da súa promulgación, declara o galego a lingua “propia” da Galiza. Nas mans da Xunta actual, tal atributo tradúcese, por exemplo, en amoestar unha profesora por utilizalo nas súas aulas de matemáticas, perante público escolar galego-falante como lingua inicial ou ambiental. Talmente como hai cuarenta anos, cando se aplicou o Decreto de Bilingüísmo como instrumento penalizador do uso da lingua.

O texto centenario que reproducimos parcialmente nomea dúas realidades: lingua e Catalunya. A segunda, para enfatizar a substantividade da primeira. Non atribuímos a este editorial nengún carácter “catecismal”. Trátase só de resgatar un anaco da nosa historia contemporánea para tratar de iluminar o presente. O nacionalismo galego, político e sindical, ten protocolizado o uso do galego.

Vai de seu, quer dicer, funciona como previsíbel, consabido e redundante. O uso oral ambiental-coloquial foi a menos en proporcións enormes. Amplas agras de uso e consumo social (meios de comunicación, comercio, empresa, uso eclesiástico, idem xudicial…) fican ermas ou incultas para o galego. O españolismo odia con todas as súas forzas que o catalán exista e ocupe espazos sociais e públicos en competencia co español. É ou non o da lingua un tema substantivo, politicamente tratábel e defendíbel? Éo cen anos despois daquela proclama transcrita?  

Comentarios