Opinión

Póñame cen gramos de galego (envasado, por favor)

O presidente de Asturias (PSOE), en recente viaxe á Galiza, afirmou: “El PP gallego tiene el tema lingüístico completamente interiorizado”. Non podo estar máis de acordo, e logo explicarei por que. Antes debo aclarar que esta autoridade se refere a como o PP da súa comunidade autónoma non entende que “reivindicar lo tuyo, tu propia cultura, no es ser menos español. La llingua es una lengua española, como el gallego, el catalán o el euskera. Uno de los temas principales en los que trabaja mi Gobierno es el de la recuperación de la autoestima, el orgullo de ser asturianos, porque creo que es uno de los elementos que más nos debilita: no tener bien claro ese orgullo de pertenencia”. Na mesma xornada, ouvimos, en corte radiofónico, o sr. Núñez Feixoo en perfeito español-sotaque executivo Madrid. Omitirei comentar a miña opinión verbo da “llingua” invocada polo sr. Barbón Rodríguez, e direi que lle dou a razón, só que no sentido inverso á súa afirmación. O PP galego, e sobre todo, a Xunta, teñen a cuestión lingüística perfeitamente interiorizada. Abofé que si. Só que a teñen para evitar calquer propagación indesexada, para limitar o seu aparecemento a un ritual a cada paso máis reducido e insignificante. Insignificante, porque non crea o mínimo efeito multiplicador. Proscrición directa do galego e ausencia da menor prescrición. Abandonando o galego a unha inercia-declive cuxos efeitos á vista están, após décadas de ineficaz e inservíbel autonomía. A autonomía que contradí escandalosamente o seu significado. Unhas dosificadas racións de galego para que elas, homeopaticamente, operen na dirección contraria a calquer cousa semellante á normalización. Ora, ben se podería permitir algún mandatario galego expresar a defensa do noso que con tanto brío realiza o presidente asturiano, e, sobre todo, poñelo en práctica. Ao que asistimos decote é á súa antítese: abdicar de toda acción de goberno ou de reclamación a tempo; cultivar ad nauseam o vello complexo galego de agardar a que os de arriba, os que mandan, nos traten ben. Así nos vai.

Interiorizada a pequenez do galego, a súa domesticidade, controlando a súa oferta demagóxica, castelanizando a cada paso máis as súas formas (que é iso de que “Galicia mola” ou de que “Galicia é moito”?: puras translacións semántico-lexicais do español; ulos, os correctores-supervisores-tradutores?), o resultado está servido. Deplorábel.

Ora ben, el haberá vida para o galego fóra do PP e da Xunta? A pergunta é capciosa, ma non troppo. Non o é tanto, porque seguimos a observar, por parte doutras institucións con responsabilidades públicas e culturais, pagas que son por todas e todos nós, unha política lingüística de homenaxe, de conmemoración, de festa lúdica..., que moito me temo que teña tanto a ver cunha política normalizadora merecente de tal nome como os allos cos bugallos. É a política que, hai tantos anos xa, a escritora Pilar Pallarés, lúcidamente, denominaba “complexo de embaixada”: semana da lingua, semana-mes das letras, da gastronomía perenne, do traxe ou... Con iso, alguén pensará de verdade que está servindo as necesidades pragmáticas que a lingua ten? Continuaremos.

Comentarios