venres 26/02/21

Políticas feministas? (e II)

No artigo da semana pasada, referinme a un proceso crecente de absorción-asimilación do feminismo, como produto-mercadoría vendíbel  por parte de grandes referentes do capitalismo mundial. Nada novo baixo o sol: forma parte dunha maquinaria coñecida, que aplica a intelixencia comercial-manipuladora á asunción controlada e limitada dun movemento liberador, para o converter en marca moderna de prestixio e lexitimación. A desmemoria histórica e o consumo desbocado de novos produtos xogan ao seu favor. Non hai tanto que se menosprezaba o feminismo porque o que conviña predicar e impulsar era a “igualdade” e o valor individual con independencia do sexo. Na liña do coñecido individualismo burgués, moitas “persoeiras” negaban ter sido obxecto de discriminación por seren mulleres, como se o mundo comezase e acabase nelas mesmas. Ben é certo que a vulgaridade conceptual-interpretativa continúa reinando, onte coma hoxe, con exemplos significativos. Aínda podemos ler aseveracións do tipo “Antes, cando as mulleres non traballaban...”, ignorando que elas, no 99%, o fixeron toda a vida; unha outra cousa é cobrar por ese traballo; ou como se o que distingue tantos traballos “femininos” e “masculinos” non é a natureza dos mesmos senón o pagamento (ou ausencia del) nun e noutro caso.

A propaganda de grandes baluartes do capitalismo mundial non é casual, senón sincrónica. Citabamos a terza feira pasada o Banco de Santander e toda unha constelación de multinacionais. Engadiremos hoxe Iberdrola, nada menos!, que patrocina Carolina Martín, campioa mundial de badminton e en cuxa boca se coloca a seguinte sentenza: “Puedo porque pienso que puedo”. Viva a asertividade! Traslademos a frase a unha caixeira de supermercado: ciencia-ficción ou brincadeira de sainete. Na mesma mensaxe, non falta o paternalismo: “Os damos toda nuestra energía para que sigáis haciendo historia”. Todo isto, dentro dun denominado “Universo Mujer”. A quen enganarán?

Neste itinerario histórico, cumprirá, polos vistos, adxectivar o feminismo, para aclarar, en primeiro termo, cal é o seu suxeito e cal o seu destinatario principal. Tal principio guiou, no seu día (1993), a proposta do BNG no Parlamento Galego de creación da Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, que comezou a funcionar en 1994 e foi, de todas as non permanentes, a que convocou un elenco máis amplo e variado de comparecentes. Sorpréndenos que deixase de existir. Tamén nesta liña de atención á maioría social feminina, xulgo da maior importancia, na orde político-orzamentaria, a proposta de eliminación ou redución do IVA para os produtos de hixiene feminina (40 anos, aproximadamente, da vida das mulleres). Como lembro a insistencia de Andrés Negro-Vilar (Buenos Aires, 1940-Washington, 2017), na súa condición de director do Women’s Health Research Institute, de Filadelfia (1993-1996), cando falaba da necesidade dunha medicina feminina preventiva, non só terapéutica, e, en concreto, da planificación adecuada dos cuidados precisos a partir dunha mudanza coñecida e previsíbel, a menopausia.
Politicas feministas ou, simplesmente, políticas democráticas? 

comentarios