Opinión

Política traducida

Como sempre, as escollas léxicas ou fraseolóxicas que se fan son elocuentes, son delatoras, nomeadamente cando se condensan en lemas ou propaganda-publicidade. O Partido Popular-Xunta, en unión indisociábel, afirma que “Galicia é moito” e, nunha mensaxe de animación turística, que “Galicia mola”. A primeira frase é tradución directa do coloquialismo español “es mucho”, inintelixíbel en galego xenuíno. A segunda, máis unha concesión ao español, reforzada por paronomasia co verbo “amola” (“Galicia amola”: certo, a que eles queren amola de verdade). Ignoro que papel fan os “tradutores”, ou supervisores ou asesores lingüísticos, se os houber, para daren por bons semellantes exercicios de españolización. Canto ao contido que ser quer transmitir, dá auténtica grima vernos convertidos en atractivo destino turístico-colonial, a enésima proba da nula preocupación pola economía e a creación de postos de traballo duradoiros e fixadores de povoación. A primeira das citadas apóntase á fantasía por elevación: “moito” de que? Moito de agricultura, de industria, de pesca, de gandaría, do sector lácteo? Ou moito de emigración continuada, de agresión-abandono da lingua de noso, de desmantelamento-control de institucións culturais? Moito de ruína e despovoamento de vilas e aldeas? Moito do desprezo e abandono do patrimonio histórico-artístico? Moito da contaminación de ríos, rías e meio ambiente?

Traducir dise tamén, na nosa lingua, anosar. Anosar a alienación histórica reinante, a dependencia asumida como inevitábel, iso é o que fai, prezado Miguel Anxo Bastos, o PP, e aí radica en boa parte o seu persistente asento eleitoral a que ti te referías en artigo recente. O PP manexa ben os recursos precisos para que o doente o siga sendo, para que a historia clínica do galego e da Galiza sexa crónica. Cais os “virus” desta doenza? Obedecer a quen manda; votar partidos “grandes” (isto é, españois); estar a ben cos de arriba, para que non nos traten mal; ser agradecidos con quen interpretamos que nos fai un favor; ter nula noción de dereitos e de deberes; dar por naturais a emigración e o exiguo subsidio; ir indo, ir facendo, malo será, éche o que hai... Dirás, con razón, que vulgarizo argumentos. Fágoo á mantenta: é o que podemos ouvir en conversa con moitos compatriotas. É o tradicionalismo (o pior inimigo da tradición: Castelao dixit). Concordarás comigo en que imposíbel entendermos esta “fenomenoloxía”, esta sincronía (ferozmente alimentada pola españolización e a globalización), sen acudirmos á historia. Con efeito, de onde vimos é dun pasado, non conxurado no presente mais si desvendado e combatido polo nacionalismo, onde o natural e persistente consiste en dar por boas e irremediábeis a nosa dependencia como povo, a nosa condición de Protectorado, a nosa subordinación a designios superiores e exteriores, a nosa incapacidade de autogoberno merecente de tal nome, a ocultación do idioma galego cando o español comparece, a ignorancia da nosa historia, a inopia verbo da nosa arte e da nosa cultura. Todo isto é o que o PP beneficia no seu proveito. Síndrome de Estocolmo mantida no tempo. Coñecelo significa comezar a mudalo.

Comentarios