Opinión

Pequena historia, que non é historia pequena

Este diario lembrou, moi oportunamente, a loita pola recuperación e visibilización dos topónimos xenuínos do noso país, centrada en Ourense. Tal información tróuxome á memoria o acontecido noutros lugares da nosa nación, nomeadamente A Coruña, e, tamén, como esta loita fixo parte central noutrora da política nacional(ista). Non sobrará lembrar que a deturpación, barbarización (Castelao dixit) ou españolización da nosa toponimia é moi anterior á 2ª ditadura do século XX. Sofre, iso si, un impulso decisivo coa constitución do Estado liberal, no XIX, e a acentuación dun inclemente proceso de centralización administrativa e política. O oitocentos foi, con efeito, a centuria da grande agresión e, asemade, da grande resposta. A división en provincias (1833); a creación da Guardia Civil (1844), con marcante actuación en todo o territorio rural e na composición do censo; a primeira lei de educación (1857); a creación do rexisto civil (1870); o Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (1846-1850), de Pascual Madoz..., son fitos relevantes do citado proceso de desfiguración. Quen consultar hoxe a obra deste político liberal poderá verificar a extensión do lingüicidio perpetrado. Unido, claro está, á deformación da antroponimia, dos nomes-apelidos de persoas, e ao papel rexamente castellanizador da Igrexa, xa antigo. A cousa, pois, vén de vello: o franquismo limitouse a continuar represivamente o estabelecido nos reximes anteriores.

Compréndese, logo, que a recuperación dos nomes auténticos fose, como dixemos, asunto axial da política galega aquí centrada e aquí executada. O rechamante, en todo caso, é subliñar como ela tivo de ser duramente continuada no rexime actual, a pesar de o art. 10 da Lei de Normalización Lingüística (1983), o único realmente prescritivo da mesma, estebelecer que a forma oficial dos nomes de lugar era a forma galega. A burla da lei foi constante. Hai 37 anos, en Xaneiro de 1984, a daquela condesa de Fenosa escrebe ao alcalde da Póvoa do Caramiñal para lle comunicar que se dirixira a Fraga e mais a Albor co fin de apoiar “Puebla del Caramiñal”. Os 23 anos de alcaldía de Francisco Vázquez, na Coruña, foron un continuo loitar contra a imposición histérica do topónimo españolizado, con secuelas que penetran no século XXI (pleno municipal de 2 de Novembro de 2004) e xulgamento a tres persoas que o protestaron, en Febreiro de 2006. Todo isto, despois de se aprobar, no Congreso dos Deputados (3 de Xuño de 1997) a Proposición de Lei do Parlamento Galego que demandaba a extensión dos nomes verdadeiros, A Coruña e Ourense, ás provincias respectivas (competencia do Estado), e mercé á dilixencia do deputado Francisco Rodríguez (BNG) para que tal debate se producise antes da disolución da Cámara galega, o que deixaría sen efeito a tal iniciativa. Dela deriva a lei estatal 3/1998, que oficializa aqueles nomes, ao igual que foran recoñecidos Girona e Lleida en Catalunya.

Cuestións secundarias, para algúns. Se así for, como é que custou tanto implantar esta mínima normalidade, tendo á frente unha contra que si facía do asunto un auténtico casus belli?

Comentarios