martes 20/10/20

Le pays qui n´ose pas dire son nom

Tal é o título dun artigo de Ricardo Carvalho Calero, de 1988. O país que non se atreve a dicer o seu nome. O título está sen dúbida inspirado no libro de François Porché L´amour qui n´ose pas dire son nom (Oscar Wilde), de 1927. O benemérito escritor galego utiliza a paráfrase para se referir ao nome verdadeiro da nación, Galiza, face ao estendido Galicia, herdo da imposición do castellano como lingua oficial e, por tanto, froito dunha suplantación. Carvalho apela a unha tradición escrita culta (o galego medieval, en paralelo á fala masiva) que cumpría resgatar, o mesmo que outras formas perdidas-substituídas, como Deus. É ben revelador, con efeito, que, sendo a forma galega idéntica á latina orixinal e sendo o latín o idioma eclesiástico até antonte, historicamente falando, fose varrida por “Dios” (o mesmo que adeus sucumbiu a “adiós”), o cal fala ben ás claras do papel españolizador da institución, a Igrexa Católica, na nosa nación.

Da profundidade do proceso histórico de erradicación do galego escrito (e das súas consecuencias no oral) é boa proba que nos chegásemos a chamar como nos chamaban: “gallego”, “Galicia”, e do tempo que levou a restauración dos nomes xenuínos, xa ben entrado o século XX. Foi, o inflixido ao povo galego, á sociedade galega, un contundente proceso de despersonalización, de desnacionalización, cuxos efeitos chegan aos nosos días, como ben visíbel é. Se o nacionalismo galego do primeiro terzo do século XX insistía tanto no valor da historia propria non era, de certo, por afán arqueoloxista ou por ponderar reliquias do pasado senón por dar a valer un longo período onde a Galiza e o galego existían en por si, autónomos, soberanos, coa escrita civil e eclesiástica e os monumentos literarios consecuentes. Carvalho lamenta e denuncia que os “ordenadores oficiais da nossa língua” prescindan e penalicen o “próprio nome da nossa terra”, en beneficio do implantado no comezo da intensa desgaleguización do galego.

Son eu agora a que parafrasea o escritor mencionado para subliñar un facto fundamental da nosa historia contemporánea: ousar nomear a Galiza, atreverse a convertela en suxeito político singular e específico, rachar, en fin, o complexo de dependencia verbo do Estado español e de todas as súas institucións e axencias. Nomear a Galiza con consecuencias en todos os planos de actuación: no político, no económico, no cultural, no sindical, no asociativo. A esta ousadía revolucionaria se afilia o esforzo inxente de persoas como Xosé Ramón Reboiras Noia, cuxa historia tan ben recolle o filme “Reboiras, acción e corazón”, dirixido por Alberte Mera, producido por Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, que se proxecta en salas de todo o país, en coherencia co sentido nacional, de toda a Galiza, que guiou a súa militancia e martirio. Os parabéns máis acesos a ambos, como á equipa actoral e técnica, e mais a todas e todos os intervinientes, en número de vinte e nove, neste documentario imprescindíbel: ousaron dicer o nome da Galiza, convertendo un locativo nunha nación con conciencia de si.

comentarios