Opinión

Palabras que veñen e van

Son das que pensan que as aulas de lingua galega gañarían moito se o seu obxectivo principal fose a adquisición e mellora do uso dela mesma, na procura de asociacións que vaian para alén da materia e dunha gramática mal entendida. O galego que falamos e escrebemos é, tantas veces, pobre de solemnidade. Seco como unha folla de bacallau, influído semántica e lexicalmente polo español, sen o recordo de millenta usos fraseolóxicos e enfáticos que a nosa lingua posúe. Se a isto sumamos a tendencia a ‘apopularar’ falsamente a fala, mantendo nela o que a corrompeu historicamente, o resultado é penoso: non só combatemos a doenza, senón que a alimentamos. Demagoxia, non democracia.

Hai moitas curiosidades merecentes de comentario. “Castelán”, por exemplo, estendido e moi usado como denominación do idioma oficial do Estado, é un invento ou, se se quixer, unha refacción (castelão é, en portugués, o señor do castelo ou algo a el referido). Quero dicer que o nome tradicional galego é “castellano”, isto é, un castellanismo que indica a procedencia, como “Galicia” é un semi-galeguismo do español ou “portugués” (e non *portugalés) un galeguismo do mesmo idioma. “Castellano” tamén foi usado como disfemismo para alcumar un membro da comunidade que rachaba a norma non escrita da lealdade espontánea. Lembro como se fose hoxe a anécdota: nunha vila pequena, o perito agrónomo (périto, na linguaxe popular) que volta a ela de Madrid, onde estudara, faino falando castellano, o que provoca a indignación do grupo dos ramistas a que el se engadira, para a preparación das festas.

“Castellano, recoiro!”, murmuraban del. Nada estrañaría o uso do español no desempeño do seu oficio, para falar co crego ou o boticario, mais que o fixese cos seus pares, viciños e coñecidos, no intragrupo... iso non era admisíbel. 

Onde vai o uso de “cencia” ou “arte” non como tecnicismos de cultura formal senón como voces patrimoniais denotativas de habilidade, bon oficio, destreza; tamén, no segundo caso, como boa disposición social? Polo río abaixo. Polo río abaixo tamén semella ir o uso do tradicionalmente denominado pronome de solidariedade (antes, dativo ético), que eu dei en nomear como pronome de empatía, hai máis de 30 anos, cando a boa da palabra non estaba na moda.

Como é que se pode falar mimeticamente de “ventres de aluguer” cando, na gravidez, son todo o corpo e toda a persoa da muller os implicados? Serán mulleres alugadas como recipientes dunha crianza que se compra. A que vén falar de posverdades cando asistimos á apoteose de mentiras podres? E un longo etcétera.

Disimulen que devane nisto. Nada do dito acada a categoría de facto relevante, cando asistimos a unha agresión sostida contra mínimos de uso público do noso idioma. Presidente, conselleiras e conselleiros da Xunta agasállannos a cada paso con entrevistas a toda plana en español, bon xeito de defender o galego a que deben o seu cargo. Acabamos de ouvir na radio galega minutos e minutos dedicados á campaña eleitoral de Madrid, precedidos da voz experta dun virólogo, tamén español. A información sobre a manifestación de Vía Galega, segundos. Alguén dá máis?

Comentarios