Opinión

Palabras e feitos

Nas miñas primeiras aulas na UDC, e despois na redacción do proxecto docente para a oposición, dei en chamar pronome de empatía o que se coñecía como dativo ético ou pronome de solidariedade. Ben o coñecemos, como trazo semántico distintivo que é da lingua de noso: “Estache ben a cousa...”, “Élle así como llo conto...”, e millenta exemplos máis. Daquela, a tal palabra, “empatía”, non estaba na moda. A min parecérame adecuada para esta categoría gramatical , e máis comprensiva que o termo “solidariedade”. Hoxe, ambas, unidas a outras moitas impostas e difundidas por meios de comunicación masivos, fan parte do día a día da grave crise que estamos a padecer. Xa viñamos da manipulación absurda de adxectivos como “mítico” ou “épico”, do abuso do termo “relato”, da invención do “empoderamento” e de tantas máis modas. Todas elas importadas, non creadas desde o galego. Ora, é rechamante que, en falando de cuestións políticas (a nível nacional, estatal e/ou europeo) aparezan decote termos como os mencionados ou, aínda, “egoísmo”, ou “insolidariedade” ou “decencia”. Vexamos. Todos eles pertencen ao ámbito da psicoloxía ou da moral. Por repetir unha frase clásica dos filmes americanos, eu, como cidadá, non pago impostos para solicitar solidariedade ou para denunciar o “egoísmo” dos Estados centrais da UE. A carencia de aquela ou a práctica deste pertence á súa propria natureza: a política “social” contémplase como un custo; o gasto idem, como unha fonte de beneficios e como unha maneira de disciplinar o mercado laboral. Non é “obsceno” (agora uso o que critiquei) que apele á “solidaridad” de Europa Ana Botín e, ao tempo, anuncie a disposición de 90.000 M de euros (máis negocio) do banco que preside en créditos a empresas?. Por grandilocuencia, aliás, que non quede a cousa: Plan Marshall, a crise máis grave após a 2ª Guerra Mundial… Certo? Pois apliquen medidas ad hoc e déixense de autopropaganda e de autoxustificacións continuas.

Ollando para algúns de nós, hai cousas que dan para rir, para chorar, ou para ambas efusións asemade. Lemos recomendacións de concellos varios. O de Coirós, xunto ao consello de ficar na casa, engade: “Lo más seguro es no ponerse en peligro”, frase lapidaria cuxo autor se nos comunica: Francisco de Quevedo. Saberá o autor de semellante incorporación algo do que escrebeu o autor español do XVII verbo da Galiza, algo das mostras máis brutas da galegofobia xeral emanada do denominado “Siglo de Oro” (de racismo puro e duro, para nós) español? A nosa terra, en España, segundo o escritor, “es tenida por ruda, pobre, bárbara y remota; poco favorecida de Naturaleza, fea, con montes y áspera”. As súas –as nosas– mulleres: “de pelo muy espín”, “virginidades monteses” que “aman a lo jabalí”. Que finura, que ecuanimidade, que humanidade!! Coñecerá o individuo de Coirós que, en querendo usar dun consello en forma literaria, sobran os que nos facilita a literatura galega? Que grau abisal de colonización hai que ter para semellante esperpento? Claro, a porta para este dislate xa está máis que aberta; agora todo son convites a superarse no master informal de españolización.

Comentarios