Opinión

Paga o Estado

Noticia do 24 de Outubro de 1984: “El Ministerio de Educación y Ciencia ha indemnizado con 560.467 pesetas a Esteban Gómez Rovira, abogado madrileño con bufete en Barcelona, por daños y perjuicios al tener que cambiar a sus hijos de centro de enseñanza porque donde estaban matriculados impartían las clases en lengua catalana, idioma que desconocen los chicos”. Este señor foi impugante da Lei de Normalización Lingüística catalá e animador de diferentes organizacións de extrema dereita e de extremo españolismo. En 1985, declarou, oufano: “Existen 17 poderes legislativos, pero, afortunadamente, sólo un poder judicial”. Exacto, abofé!

Pouco despois, tiven a honra de participar nunha mesa redonda, en Donostia, realmente inaugural. Organizábaa a asociación Euskalerria en Euskera e nela participamos, cada quen na súa lingua respectiva, Joseba Álvarez, Àngel Colom e unha servidora. Primeira vez, naquela belísima cidade, en que se ouviron basco, catalán e galego na mesma mesa. Lembro que, improvisadamente, nun momento da miña intervención, dei conta daquela noticia e, a seguir, perguntei: canto nos tería que pagar o Estado español a galegos, bascos e cataláns por todo o mal feito ás nosas linguas, por tanto, aos nosos povos? O conselleiro de Cultura do goberno presidido por Garaikoetxea, Carlos Santamaría, que estaba na primeira fila, ergueuse decontado e rompeu a aplaudir entusiasmado; axiña, todo o público. Fiquei abraiada de que unha anécdota fóra de guión fose tan ben recebida. Os pormenores todos do acto lembroumos non hai moito o benemérito compatriota Xosé Estévez, o grande delegado galego en Euzkadi desde hai moitos anos. Disimulen que me estendese nun episodio persoal, mais, en todo o caso, coido que significativo daqueles tempos. Tempos de que vimos, que explican tamén o noso presente.

Que eficiente o Estado para o que lle peta, nonsí? Que ben se cumpren as sentenzas cando convén! Que dilixencia para protexer o español –por se non abondaren toda a herdanza histórica e todo o peso coercitivo da Constitución–, con pagamento directo a un dos seus escudeiros. O Estado, aquí, é, tamén, a Comunidade Autónoma. Na nosa, durante anos e anos, gastáronse cartos a esgalla sob o paraugas da “normalización lingüística”, diñeiro público que atendeu millenta actividades clientelares que nada tiñan a ver con aquela epígrafe. Edicións de libros, moitos deles destinados a durmiren en dependencias oficiais, tamén. En 2002, por exemplo, a Xunta paga á editora Espasa a edición da obra completa de Valle-Inclán en dous grosos volumes (2.000 páxs. e case 2.500, respectivamente). Nada que obxectar, fóra de pensarmos que tal dispendio debería telo asumido o Ministerio de Cultura español, pois foi á cultura española á que contribuíu o grande escritor nado na Galiza. Todo que obxectar se este subsidio supón, como supuña, o abandono da literatura galega.

Ricardo Carvalho Calero: un escritor que, na súa obra inmensa, e con moi pequenas excepcións, non se pode ler en reedicións modernas. Para cando a súa Opera Omnia? As institucións públicas e as universidades galegas non teñen nada a dicer?

Comentarios