Opinión

O renovo da vida

Pasado mañá, 25 de Marzo, lembraremos o trinta e un aniversario do falecemento de Ricardo Carvalho Calero. Con tal motivo, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura oferecerá a centros de ensino e mais a asociacións culturais varios documentos que o recordan e explican, entre eles unha historia debuxada, a cargo de Pepe Carreiro, e un vídeo en que Manuel Castelao Mexuto e unha servidora dialogamos sobre a súa vida e obra, e que demos en titular: “Carvalho, sempre coa Galiza”, en indisimulada lembranza do seu mestre Alfonso Daniel Castelao, coñecido e admirado por el xa nos anos 20 do século XX no Seminario de Estudos Galegos e, despois, nas angueiras do nacionalismo galego de pre-guerra. Coincidimos ambos, Manuel Castelao e servidora, máis dunha vez, en subliñarmos como Carvalho Calero, para alén da súa obra científica e de divulgación, merecería ser distinguido como escritor de creación que  foi en todos os xéneros (utilizo unha categoría convencional ou tradicional da que disinto: participo da idea de que o ensaio e a escrita discursiva, en xeral, tamén son literatura de creación, mais manteñamos a expresión máis repetida ou coñecida): poesía, teatro, narrativa. 

Esta súa dedicación foi de por vida, mais resulta rechamante que na fin dela publicase dous poemarios –Cantigas de amigo e outros poemas (1981-1985) e Reticências... (1986-1989)– que só en por si xa o consagrarían como poeta superlativo. Este segundo, aínda que publicado en 1990, xa foi póstumo, polo que inevitabelmente cobra valor testamentar: o ton confisional abrolla como nun documento ológrafo. Consta de seis seccións e, na primeira delas, “Névoa de sol”, figura un poema ( nº 34) onde o autor practica unha heterobiografía ben coñecida na poesía como recurso de distanciamento. “A poesia é demasiado séria / para que se administre / tecnocraticamente”, afirma, para se arredar definitivamente dos encerrados nun “corporativismo autoritário”. Os outros, o mundo exterior, só aprezaron aquel poeta disidente na medida en que aproveitaron os seus achados. Finaliza o poema así: “Este foi o destino do poeta /  verdadeiro. Os seus colegas / o seu nome apagarom / no escalafom que editam / profissionalmente. El nom estava sindicado. / Os homes que o escuitarom / e crerom escuitarse, / tamém nom conhecerom o seu nome, / naturalmente, o nome del. / Excomungado, anónimo, / viveu, morreu. Já somente eu o lembro. / Poeta verdadeiro”. Interpelación para o hoxe, sen dúbida.

P.S. O meu máis agarimoso recordo para Adela Estévez Campos, que nos deixou estes días pasados. Alumna nosa no Instituto Eusebio da Guarda, xa daquela destacaban o seu talento artístico e o seu entusiasmo galego. As mellores memorias para X. R. Barreiro, fonte de ilustración, con quen temos falado de Rosalía de Castro, de Murguía..., interlocutor sempre elegante na discusión ou contraste de pareceres, algo que hoxe, infelizmente, non se estila.
O renovo da vida, emblema da primavera, pede de nós coñecemento, respeito e amor con obras pola nosa historia e por quen a construíron, para termos un futuro onde a Galiza exista recoñecéndose a si mesma.

Comentarios