sábado 04/12/21

O país en diagonal

A sexta pasada, a Universidade Senior da Coruña tiña previsto lembrar a persoa e obra de Xela Arias, dedicataria do Día das Letras Galegas deste ano, cunha palestra ad hoc. A escritora que debía proferila non puido vir, o público xa estaba avisado e cos asentos adxudicados a debida distancia e, daquela, houbo que manter o acto, ben que con outro contido improvisado. Non me sentín autorizada, en absoluto, para transformar as miñas impresións en análise ou comentario da súa obra; Carvalho Calero xa fora obxecto dunha conferencia monográfica no ano 2020 e mais tamén referencia obrigada noutra deste ano sobre os escritores do Segundo Renacemento da Literatura Galega, como discípulo deles que foi, así que decidimos oferecer a audiencia tan atenta e interesada unha pequena paseata por un clásico da nosa cultura e historia, Castelao, nunha das súas obras senlleiras, Cousas, ollada nesta ocasión, nalgunhas das súas pezas, como privilexiada informante da sociedade galega do seu tempo (en recente colaboración, Marga Do Val subliñaba tamén esta dimensión). Alí volveron cobrar vida a Marquesiña, Ramón e Micaela, Ramón Carballo, Migueliño, Panchito, a fidalga Dona Micaela... Sen data de caducidade, con capacidade de gostar, de conmover e de concienciar nos nosos días.

No sábado, máis unha vez, volvemos trazar unha diagonal na viaxe. Non é a diagonal completa (de Tui a Ribadeo, por exemplo, ou de Ferrol á Gudiña), mais aproxímase: da Coruña ao Courel, coas paraxes correspondentes en Lugo, Sarria, Val do Mao, O Incio, Samos, Lóuzara. Algo temos viaxado polo mundo e a cada paso reafirmámonos máis na idea da extrema variedade e beleza da nosa terra, a pesar de todos os pesares das desfeitas nela inflixidas. Do NO ao SE da nosa nación, do mar bravo aos aledaños da Chaira, da cidade murada á veiga de Sarria, dela ao “prólogo” ou antesala das maxestosas montañas courelás. Si, decididamente, gostamos da diagonal, tanto na xeografía como na literatura. Quer dicer, da leitura e das viaxes non “decretais”, non programadas, como a que nos levou a agradecer de novo o reencontro emotivo con Fiz Vergara Vilariño, a través do esmero con que Imelda, súa irmá, atende a casa natal e acalenta a súa memoria.

Esta nosa impresión contrasta vivamente co xuízo que pasamos a transcreber. A persoa que o asinou convida a un seu correspondente á nosa terra, “aunque mi Galicia no merezca el viaje sino por uno de los conceptos que merece Cataluña: la naturaleza. El hombre aquí ha hecho tan poco, que si se descuentan algunos preciosos monumentos de épocas pasadas, no hay en esta tierra mía cosa digna de verse a no ser la espléndida hermosura del paisaje”. De quen se trata? Se o souberen, tanto mellor. Se non, desvendareino no artigo da próxima semana. Déixenme só que adiante como non deixamos de nos admirar da distorsión que os proprios galegos podemos proxectar sobre nós mesmos. Calquer observador imparcial, para alén da beleza-variedade da paisaxe, captará sen dúbida como o noso territorio, historicamente, foi teimosamente humanizado, cultivado e poboado, e como a súa arte e patrimonio brillan por toda a parte.

O país en diagonal
comentarios