Opinión

O Banquete de Conxo

No artigo da semana pasada, sinalamos unha efeméride significativa: 23 de Febreiro de 1880, en que Rosalía de Castro asina a súa magna obra Follas novas. Hoxe, 2 de Marzo, vennos á memoria un outro aniversario singular: a celebración do Banquete de Conxo, en 1856. 165 anos, pois, daquel heraldo da conciencia galega que había callar definitivamente coa publicación, sete anos máis tarde, de Cantares gallegos. É coñecido este episodio que tanto eco simbólico deixou na nosa historia do XIX e posterior. En tal data, 2 de Marzo de 1856, domingo, na carballeira de Conxo, obreiros e estudantes confraternizan nun xantar onde estes serviron a aqueles e onde foron proferidos vibrantes brindes poéticos de alta voltaxe democrática (e, por tanto, claramente subversiva para as autoridades civís e xa non digamos para as eclesiásticas con contundente mando en praza en Compostela). Murguía, no seu Los Precursores (1886) informa deste acontecemento, como Carré Aldao, máis tarde, e a partir deles, xa no XX, outros moitos escritores vinculados á historia e á cultura galega. Nomes tan asociados á biografía e á causa política de Murguía e de Rosalía de Castro como Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Luís Rodríguez Seoane, van ser oradores neste ágape. Coñecíamos os brindes dos dous primeiros, mais hoxe podemos contar co texto do terceiro. Facémonos unha idea cabal da poesía de Aurelio Aguirre grazas á edición da profesora da UDC Olivia Rodríguez, que a publicou acompañada dun estudo de Xurxo Martínez González (Alvarellos, 2014). A este investigador e mais a Damián González debemos o achado do brinde de Luís Rodríguez Seoane (eis unha das estrofes: “No lo dudéis, del pueblo defensores, / el porvenir está en vuestras manos, / Atrás! Nobleza, títulos y honores, / y oiga el mundo una voz, la voz de hermanos”). Fica clara unha diacronía galega que vai desde Antolín Faraldo e o levantamento de Abril de 1846, pasando por este acto de exaltación democrática e progresista (que Murguía cualificaría como o milagre “en aquella ciudad muerta” de que o proletariado, “eterno Lázaro”, se erguese e respirase o ar da liberdade: tais son as súas palabras), e até chegar á ruptura definitiva: a unión de lingua, patria, reivindicación política e altura estética. Estoutro “milagre”, como xa sabemos, ten nome de muller: Rosalía de Castro. Mais nada se edifica sobre o vacío e o XIX galego está pontuado por mudanzas e eventos como os que evocamos.

Por iso é de agradecer que a historia, no XXI, se siga coñecendo e difundindo. O libro de Mercedes Espiño Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro, editado polo Concello de Santiago e a Agrupación Cultural O Galo é un excelente contributo a esta necesidade. Como o é a tese de doutoramento da profesora e música Isabel Rei Samartim que estuda a guitarra (e os seus antecedentes) na Galiza, entre os séculos XII e XIX, e cuxas informacións aproveitamos nunha conferencia-concerto oferecido na Academia de Belas Artes, da Coruña. Nela, como non, brillou máis unha vez Rosalía de Castro e o seu talento musical. Benia a todas e todos os mencionados!

Comentarios